Os sindicatos ven responsabilidades polítiticas no desaparecimento do sistema financeiro galego

Quenda de comparecencia dos sindicatos na comisión das caixas do Parlamento de Galiza. E puxeron branco sobre negro: as direccións obrigaron a comercializar as preferentes "como fose" e sabendo que produto era. Hai responsábeis políticos no "desastre" do desaparecimento das caixas. E o escenario actual é o que gorentaba a gran banca

comisión das caixas
photo_camera comisión das caixas

No mesmo día en que se coñece que o FROB vai destinar 700.000 euros a contratar un banco de investimento que venda Novagalicia Banco, os sindicatos comparecían na comisión de caixas do parlamento de Galiza. Os representantes da CIG, CCOO e UXT coincidiron ao sinalar que hai responsabilidades, alén das xudiciais, en todo o proceso fanado de fusión. Para Clodo Monteiro, da central nacionalista, a desaparición das caixas galegas ten detrás unha ideoloxía: "centralismo e neoliberalismo". Desde Comisións recoñeceuse que a gran banca foi quen de vender a idea de que as caixas eran unha "anomalía" coa que había que acabar. E desde UXT apuntaban a que "a desaparición das caixas galegas respondeu a motivos ideolóxicos. E era o que a gran banca privada demandaba".

Para Monteiro, a fusión de Caixa Galicia e Caixanova non era o problema. O problema veu da má xestión anterior e de que detrás desa aposta pola fusión había intereses en privatizar as caixas para as vender baratas a un gran banco foráneo. Unha liña que, na súa intervención, tamén apuntou o portavoz do BNG, Francisco Jorquera: "A intención de favorecer fusións de caixas en territorios era tornalas máis atractivas para as privatizar e vender". Desde AGE mostráronse moi críticos co proceso de fusión, ao igual que o PSdeG.

Desde a bancada do PP, optaron polo argumento de que era 'impredecíbel' saber o que ía acontecer e en que cando se estaba no inicio do proceso, a inmensa maioría de forzas políticas e sindicais vían con bos ollos a fusión.

Preferentes

O das preferentes e subordinadas foi outra das cuestións debulladas na quenda dos sindicatos na comisión. Así, desde a CIG incidiuse en que a comercialización destes produtos tóxicos non eran casos "isolados" que poden ser atribuíbeis "a un ou a outro traballador". "Facía falla toda unha estrutura para facelo" e por iso a dirección era coñecedora, argumentou Monteiro. A central achegou, aliás, cartas de altos cargos das caixas dirixidas ao persoal con instrucións e ordes para comercializar eses produtos.

Desde CCOO cualificaron as preferentes e subordinadas como "unha enorme estafa", apuntando á existencia de "presións" sobre os traballadores das caixas para vender este tipo de elementos.

E desde UXT, o seu comparecente na comisión afirmou que "fun o despacho de José Luis Pego (directivo de Caixagalicia) e advertinlle que se vendían preferentes indebidamente. Díxome: non se preocupe".

Comentarios