Os sindicatos fan fronte á reconversión en NGB

Traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco (NGB) concentráronse ante o Banco de España en defensa dos postos de traballo e para reclamar a apertura dunha interlocución directa co Estado que permita coñecer as esixencias da troika a respecto das entidades intervidas
NGB

As organizacións sindicais CCOO, UGT e CIG están a realizar de xeito conxunto unha serie de mobilizacións para respostar a intención, por parte do Goberno español e da denominada “troika” (UE, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional), de levar adiante unha reconversión salvaxe no sector financeiro, e máis concretamente naquelas entidades mal denominadas “nacionalizadas”, como é o caso de NGB. Esta reconversión implicaría unha nova vaga de despedimentos masivos no sector aplicando as condicións estabelecidas na reforma laboral do PP: 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades.

O Secretario da Federación de Banca da CIG, Clodo Montero, criticou a opacidade coa que se está negociar este proceso entre a UE e o Goberno español e o absoluto descoñecemento a respecto do futuro do Grupo Novagalicia Banco –do que tamén depende Banco Gallego e varias empresas auxiliares. “Non sabemos nin a canto persoal vai afectar nin as condicións nas que farán os despedimentos”, criticou. Incideu na " opacidade e falta de interlocución son de tal calibre que mesmo pensamos que estas cifras están filtradas interesadamente”, afirmou. O sindicalista lembrou que Novagalicia Banco ten en marcha un terceiro ERE, que até hai quince días estaba resultando un fracaso, pero ao que na última semana ducias de traballadores/as se adheriron tras publicárense as informacións sobre as novas esixencias da "troika". “O que están conseguindo é que a xente decida coller o que hai hoxe por se acaso o que vén mañá é peor”.

Comentarios