Os sindicatos de NGB poñen en dúbida que cumpra os novos requisitos sen axuda

Os sindicatos de Novagalicia Banco puxeron en dúbida que a entidade poida cumprir coas provisións que exixe o novo decreto de saneamento cos seus beneficios e recursos propios e reclmaron á dirección que aclare os termos do plan que presentará ao Banco de España o 11 de xuño.
Nova Galicia Banco
photo_camera Nova Galicia Banco

O responsábel de CIG-Banca, Clodomiro Montero, censurou que o decreto "non aclara nada do futuro" da entidade e déixaa "na incerteza absoluta". Así, considerou que a creación de sociedades para trasladar os activos inmobiliarios tóxicos é "un mero artificio contábel" e que as inxeccións do FROB xa se produciron nunha primeira rolda de axudas e "todas as entidades, menos unha, tiveron problemas" malia esa achega. "É insistir nun instrumento fracasado", afirmou.

Montero, que defendeu que se se destinaren cartos públicos á entidade esta debería converterse tamén nun banco público, reclamou aos directivos de NG Banco que expliquen os seus plans, dado que "din publicamente que é posíbel" cumprir o decreto. Neste sentido, indicou que a CIG reclamou información esta mañá.

En declaracións a Europa Press, o responsábel da sección sindical de CC.OO. no banco, Luis Mariño, considerou que o futuro, tras se aprobar a nova norma, se presenta "duro". "É un escollo máis no camiño", indicou e, preguntado acerca de se considerar que o banco poderá cumprir, contestou: "A entidade manifesta que si, a nós dalgún xeito nolo tería que demostrar".

"Fáisenos costa arriba", agregou e indicou que CC.OO. estima que son "demasiadas esixencias" para unha entidade controlada en máis dun 90% polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Mariño recordou que o empréstito do primeiro FROB aínda debe ser devolto e que o primeiro decreto de saneamento provocou un impacto de 2.340 millóns de euros que, sumados aos 1.109 da norma aprobada a pasada sexta feira, son 3.449 millóns. "En total é demasiada alforxa", concluíu.

Pola súa parte, o responsábel de UGT en Novagalicia Banco, José Ramón de Pliego-Valdés, criticou que "cada volta de BOE é unha dificultade máis" para o proxecto" e considerou "evidente" que a entidade "non será capaz de soportar" as novas provisións "con cargo a beneficios do exercicio".

Comentarios