Os sindicatos convocan a cuarta manifestación en Ferrol polo futuro da comarca

Convocada pola CIG, CCOO, UGT e USTG, a mobilización pretende denunciar a situación de abandono en que as políticas do PP deixaron a comarca e un dos seus principais sectores industriais: o naval. A protesta pon de relevo as dúbidas que suscitan por exemplo os polémicos contratos con PEMEX. As organizacións sindicais aseguran que os compromisos coa comarca "seguen sendo papel mollado".
O naval ferrolá segue a exixir unha solución
photo_camera O naval ferrolá segue a exixir unha solución

A manifestación desenvolverase baixo o lema “Queren afundir a comarca. Impidámolo!”, e sairá esta cuarta feira 17, ás 20:00 horas desde o Inferniño para finalizar na praza de Armas. A protesta está convocada polas organizacións sindicais de Ferrol CIG, CCOO, UGT e USTG. As convocantes apuntan que os compromisos coa comarca "continúan sendo papel mollado".

A comarca de Ferrolterra rexistra xa máis de 20.000 persoas desempregadas; ao tempo que avanzan os peches de empresas, os concursos de acredores ou os procesos de regulación de emprego. De feito, a CIG informaba no verán que o 80% das empresas instaladas na comarca xa sufriron algunha destas situacións. Fronte a iso, os sindicatos reclamaban “a necesidade imperiosa de poñer en marcha políticas activas de emprego e inversión pública nesta comarca”.

Novas protestas no naval

A pasada quinta os membros do Comité de Navantia e as industrias auxiliares que desde o pasado 11 de setembro permanecían pechados no concello de Ferrol, acordaron abandonar a medida de presión tras concretarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, para o 24 de outubro.

@s obreir@s tamén están chamad@s a secundar esta segunda, día 15, un peche nos estaleiros até as seis e medida da tarde, cando sairán das instalacións para se sumar á mobilización que convoca a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos.

Comentarios