O bloqueo do tax lease provocou a perda de 8.000 empregos no Naval

CIG, CCOO e UGT lembran que a economía da comarca depende en boa parte deste sector e convidan á sociedade a secundar as mobilizacións

Os sindicatos maioritarios da comarca de Vigo -CIG, CCOO e UGT- fixeron un chamamento a tod@s os veciños e veciñas para que participen nas mobilizacións convocadas nos vindeiros días para reclamar unha solución definitiva á “situación límite” que atravesa o naval. Deste xeito, ao paro de media xornada previsto no sector para o xoves súmase tamén unha gran manifestación cidadá que percorrerá as rúas da cidade este sábado 12 de maio. O lema escollido nesta ocasión para celebrar a marcha reivindicativa é “Polo futuro industrial de Vigo. Defendamos o naval”, moi en liña coas consignas que protagonizaron as últimas mobilizacións do sector. Os secretarios comarcais da CIG, CCOO e UGT compareceron esta mañá en rolda de prensa xunto aos responsábeis do Naval dos tres sindicatos para explicar os detalles do calendario de protestas elaborado conxuntamente polas centrais.

Para este xoves está previsto un paro de media xornada no sector, que será aproveitado polas traballadoras/es para percorrer as rúas de Vigo até a delegación da Xunta de Galiza. Desde os sindicatos fixeron un chamamento a todos/as os parados/as do sector para que participen nas mobilizacións. Neste sentido, lembraron que arredor das 11.30 horas confluirán no cruce de Colón @s operari@s procedentes de Beiramar cos seus compañeiros/as de Teis. “Neste lugar tamén está previsto que se sumen á marcha os traballadores/as do sector que nestes momentos están no paro”. A semana rematará cunha gran mobilización cidadá convocada tamén de xeito conxunto polos tres sindicatos. Será o sábado día 12 a partir das 19.00 horas desde o cruce das rúas Lepanto con Urzaiz. As tres centrais reclamarán o apoio dos colectivos e institucións da cidade á protesta no Consello Económico e Social que se reúne mañá no consistorio.

Desde a CIG lembraron que a industria naval representa o 30% da riqueza da comarca e ten ocupado 10.000 empregos directos e preto de 30.000 indirectos. Ao mesmo tempo, denuncian que desde o bloqueo do tax lease xa desapareceron máis de 8.000 empregos e unhas 200 empresas tiveron que pechar. “Hai culpábeis políticos desta situación e temos que sinalalos; os Gobernos español e galego teñen que buscar alternativas ao sistema de bonificación fiscal e facer unha aposta clara polo sector, xa que do contrario certificarán a súa morte”, explicou o secretario comarcal da central nacionalista, Serafín Otero.

Comentarios