Os lucros empresariais aumentaron "escandalosamente" en Galiza en 2012 fronte uns salarios en caída

As rendas empresariais supoñen xa máis do 47% do PIB galego,mentres que a remuneración total de asalariad@s caeu o 45,7%. Unha fenda que vai en aumento. Aliás, este maior beneficio empresarial non redunda en investimento nas propias empresas, que se reduciu un 4%

Na crise non perden todos. Unha perogrullada que non sempre se ten presente. Por iso é bo que haxa estudios, informes ou achegas que lembren que os custos da crise non baten igual en todos os petos. A CIG denuncia o que califica de “aumento escandaloso” das rendas empresarias en detrimento das rendas dos asalariad@s. “E iso, aliás, nuns momentos de forte contracción económica”.

“As rendas empresariais aumentaron en tempos de crise. Non é só que a clase empresarial resista mellor a crise, senón que se está a aproveitar claramente dela”

A central nacionalista bota man dos propios datos oficiais do Instituto Galego de Estatística nos anos 2011 e 2012 para constatar que hai “un claro transvase de rendas da clase traballadora á clase empresarial”. É dicer, que aumentan os lucros empresariais mentres se reducen os soldos e salarios.

Fenda

Se ben a actividade en Galiza medida a través do Produto Interior Bruto (PIB) se reduciu nese período nun 1,2%, esta redución non afectou de igual forma aos distintos axentes.

Así, mentres que no ano 2011 a remuneración total de asalariad@s supoñía o 45,7% do PIB, no ano 2012 foi de tan só o 43,7%. Pola contra, o excedente bruto de explotación (rendas empresariais) pasou dun 45,4% a un 47,4%.

Esta negativa distribución da renda agrávase co feito de que o investimento das empresas no tecido produtivo reduciuse durante este ano nun 4,1% . É dicir, este maior beneficio non se está reinvestindo na economía. 

Comentarios