Os banqueiros españois, os que máis cobran de Europa: 2,4 millóns de euros anuais

O informe da Autoridade Bancaria Europea (EBA, en inglés) cifra en 125 os banqueiros do Estado español que gañan máis dun millón de euros ao ano

euro

Un total de 125 banqueiros españois gañan máis dun millón de euros ao ano. O Estado español é o cuarto de Europa (tras Reino Unido, Alemaña e Francia) con maior número de executivos que cobran unha cifra máis de seis ceros. Así o apunta o informe da Autoridade Bancaria Europea (EBA).

No Estado onde houbo que inxectar miles de millóns de euros en rescatar a banca, os seus altos directivos seguen a ter retribucións considerábeis malia os 'recortes'

O salario medio deses 125 banqueiros é de 2,4 millóns de euros. É a media máis alta de todos os estados europeos entre os altos executivos da banca que gañan máis dun millón de euros. En Alemaña, a media deses ingresos é de 1,8 millóns, igual cifra que en Austria. En Italia ronda os 1,6 millóns de euros ao ano de ganancia e en Francia anda por volta do 1,5 millóns.

Outro dato a ter en conta: Por cada 10.000 traballador@s do sector bancario hai cinco que cobran máis dun millón de euros anuais. En Alemaña son menos de 3 e en Francia, menos de catro.

O informe do EBA sinala que deses 125 banqueiros españois, 44 eran da banca de investimento; 21 da banca minorista e 60 doutras áreas. A remuneración total de todos eles foi de máis de 305 millóns de euros, dos cales dous terzos corresponden a soldos variábeis.


 

Comentarios