ALEIXO VILAS, ECONOMISTA

"Os orzamentos esconden trampas que desmontan a propaganda de Feijóo"

O economista Aleixo Vilas debulla nesta entrevista os orzamentos galegos para 2016, uns orzamentos cualificados de "expansivos" e "sociais" polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. O experto desmóntanos o argumento da Xunta de Galiza, que ve recortadas as súas contas en case 10.000 millóns desde que Feijóo é presidente.

Aleixo Vilas
photo_camera Aleixo Vilas

Como cualificaría estes orzamentos?

Analizándoos a fondo, estes orzamentos esconden varias trampas que desmontan a propaganda do Goberno de Feijóo. Hai que ter en conta, ademais, que están elaborados nun cadro macroeconómico optimista e que teñen certo carácter electoralista. Supoñen, en certa medida, unha emenda á totalidade dos orzamentos anteriores. Tratan de vendérnolos como uns orzamentos expansivos cando o que leva recortado Feijóo desde 2009 son 10.000 euros, para sermos máis exactos, 9.935 millóns.

Como desmonta ese pretendido carácter expansivo dos orzamentos?

Non son expansivos por varios motivos. Por unha banda, o incremento en gasto non financeiro sitúase nos 365 millóns, un 4,4% cando a Xunta aprobou este verán un teito de gasto do 5,2%, o que equivalería a 438 millóns. Isto significa que o Goberno galego tiña marxe para incrementar ese gasto e non o fixo. Pola outra banda, págase máis en débeda, no capítulo 9, de pasivos financeiros. O peso da débeda neste capítulo creceu un 5,5%. Outro factor que desmonta este carácter expansivo son os datos de execución do orzamento.

Cal foi o grao de execución dos orzamentos de 2014?

Se analizamos a execución dos orzamentos de 2014 (os últimos dos que se coñecen os datos), o grao total de execución foi do 90,5%. Xustamente, os capítulos que máis se incrementan nos orzamentos de 2016, que son os relativos a investimentos reais e a transferencias de capital, son os que menos grao de execución tiveron nos orzamentos de 2014, cun grao de execución do 71,9% e do 67,3% respectivamente. O feito de que as partidas que máis aumentan nos orzamentos de 2016 sexan as que menos executan limita bastante ese carácter expansivo.

"O informe económico-financeiro dos orzamentos recoñece que parte da baixada vaise deber á diminución da poboación activa, algo preocupante nun contexto no que se prevé crecemento"

Referíase ao cadro macroeconómico optimista...

Chama a atención que a previsión de crecemento económico, mesmo sendo optimista, prevé un crecemento  do 2,5%, menor que o do Estado, que é dun 3%. Estanse a trabucar bastante nas previsións. Por exemplo, prevíase un crecemento semellante ao do conxunto do Estado e so estamos a crecer un pouquiño máis da metade. No que respecta ao descenso do paro, aínda que publicamente non advertiron disto, o informe económico-financeiro dos orzamentos recoñece que parte da baixada vaise deber á diminución da poboación activa, algo preocupante nun contexto no que se prevé crecemento.

Tamén se ten falado estes días da rebaixa do IRPF. Que se agocha detrás do anunciado?

A baixada do IRPF contén trampas. Anuncian rebaixas para as rendas medias e baixas, porén, analizando os novostipos e tramos, observamos como se  produce un aumento do IRPF en tramos medios e unha rebaixa nun tramo alto. Para os tramos de entre 20.200 e 33.000 euros prodúcese unha suba importante: entre os 20.200 e os 27.700 euros, o tipo impositivo pasa do 14% ao 15,5% e entre o tramo dos 27.701 aos 33.000 euros, o tipo pasa do 14 ao 17%, un aumento de tres puntos. No tramo dos 53.400 aos 60.000 euros, o tipo pasa do 21,5% ao 20,5%, unha rebaixa dun punto a rendas xa altas, e a partir dos 60.000 euros, o tipo aumenta so nun punto, até os 22,5%, xa que logo esta reforma non se pode cualificar como progresiva.

"Algunhas rendas medias van pagar máis de IRPF, aínda que Feijóo trata de ocultalo"

Entón as rendas medias serán as máis castigadas...

Algunhas rendas medias van pagar máis de IRPF, aínda que Feijóo trata de ocultalo. Na nota de prensa que lle enviou á Xunta aos medios fanse distintas proxeccións sobre o cambio no IRPF e, precisamente, para o tramo de 20.000 a 30.000 euros, o máis afectado polo aumento, non se ofrece proxección ningunha. Tamén beneficia os máis ricos as modificacións no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que xa contaba con múltiples exencións.

Que outras partidas salientaría destes orzamentos?

No que atinxe ao cheque bebé, unha medida puramente electoralista, hai que advertir que só está contemplado para un ano. No que respecta á partida destinada ao pagamento dos altos cargos e delegados sobe un 5,6%, máis que a media do conxunto dos orzamentos. Esta cifra desmonta o discurso de contención de gasto a este respecto. Tamén é importante salientar que a sanidade e a educación, que absorben a maior parte do gasto social, increméntanse por debaixo da media do conxunto dos orzamentos, o que demostra o escaso compromiso do Goberno galego nestes ámbitos.

No último número de Sermos Galiza, publicamos unha reportaxe a dupla páxina sobre os orzamentos galegos para 2016. Xa dispoñíbel na loxa.

Comentarios