Os Orzamentos para 2014 contarán con 89 millóns menos

Segundo o líder do executivo o recorte débese ás exixencias da Unión Europea e supón un 1,1% a respeito do exercicio anterior. Os gastos financeiros incrementaranse nun 17,5%.

Consello da Xunta [Imaxe: Xunta.es]
photo_camera Consello da Xunta [Imaxe: Xunta.es]

En total o gasto non financeiro da Xunta sitúase en 8.391 millóns de euros para o vindeiro ano 2014. Así o recolle a Proposición de lei de Orzamentos que o Consello da Xunta aprobou esta sexta feira. 

Entre as medidas que inclúe, a rebaixa do IRPF para as rendas non superiores a 17.700 euros (25.000 euros anuais). Unha iniciativa que suporá a perda de 45 millóns na recadación da Xunta, "menos" dixo o presidente que os ingresos que recadarán co denominado "céntimo sanitario" co que veñen de gravar os carburantes. 

Cumpre lembrar que as rendas máis baixas están exentas de tributar este imposto. Asemade, e como denunciou o BNG esta sexta feira, o Ministerio de Facenda español anunciou que incrementará o tramo deste mesmo imposto cuxa recadación corresponde ao goberno central.

Así as cousas, o executivo de Alberto Núñez Feijóo contará cun 17,5% máis de orzamento para gastos financeiros --principalmente para o pagamento da débeda e xuros. 

No entanto, as contas presentadas esta sexta feira polo presidente da Xunta e a conselleira de Facenda non contemplan o recorte de máis de 17.000 millóns de euros que o executivo de Mariano Rajoy prevé exixir ás comunidades autónomas. No caso de Galiza, os cortes poderían ascender ao 5%. 

Desemprego e recesión
As previsións desenvolvidas pola Xunta de Galiza recollen "un crecemento económico do 0,8%" a respeito de 2013 e a "diminución do paro", sinalou Núñez Feijóo "de medio punto". Para a Xunta nos últimos meses "os organismos internacionais" apuntarían que a economía se estaría a "comportar mellor do previsto". 

Elena Muñoz, conselleira de Facensa asegurou en comparecencia de imprensa que "a recesión é menor en Galiza" polo que agardan "o crecemento sexa maior que no resto de España". 

Porén, os grupos da oposición denunciaron no debate sobre o estado da nación as previsións do goberno galego que consideraron "irreais" se ben a recesión continúa e non se prevé, din, que para o vindeiro exercicio os indicadores melloren. 

Comentarios