martes 26/10/21

As organizacións agrarias, descontentas coas medidas de Medio Rural para o agro

En pleno proceso de desconfinamento o rural está á espreita das fórmulas que as Administracións galega e española preparan para acalmar as perdas millonarias no campo. Nunha primeira xuntanza entre a Consellaría de Medio Rural e as organizacións Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, a proposta foi adiantar os pagos das axudas xa concedidas.   
O conselleiro de Medio Rural en reunión telemática con UUAA e o SLG (Xunta)
O conselleiro de Medio Rural en reunión telemática con UUAA e o SLG (Xunta)

O agro galego comeza a ver con dificultade o seu futuro. O conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo onte por vía telemática unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias, Roberto García, e Sindicato  Labrego  Galego, Isabel Vilalba, para informar de que se van aboar "coa maior axilidade posíbel", entre este mesmo mes e xuño, 300 millóns de euros de convocatorias pendentes e anticipos para o agro.

Da reunión, realizada en dúas partes pola realización tamén do Consello da Xunta, non saíron moi satisfeitas as organizacións agrarias. Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), explica a Nós Diario que “non houbo nada novo que non se anunciara antes, é lóxico que as axudas se paguen”. Opina o mesmo Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA) para quen é unha mágoa que o Goberno galego se limite a "pagar as débedas" e non teña en conta axudas directas para as explotacións "que están sen nómina".

Preocupación polo futuro

Desde UUAA e o SLG botan en falta máis implicación da consellaría na difícil situación que está a vivir o campo galego. "Hai explotacións de carne, ovino-caprino e de viño, que "teñen que endebedarse" para manter a súa actividade", asegura García, engadindo que outras granxas cárnicas están a vender "a perdas". Desde o SLG avisan de que, por exemplo, unha parte da produción de viño aínda está nas adegas e a súa saída, se segue a actual ralentización, "pode levarnos a que haxa problemas coa recollida de uva".

Xunta e Ministerio de Agricultura, polo de agora, non anunciaron novas medidas de gran calado para neutralizar a crise que se albisca no noso país. "Vemos que diversos Estados europeos pediron permiso á UE para apoiar o sector con 1.000 millóns de euros polas perdas que teñen", sinala Isabel Vilalba, "e aquí aínda non sabemos que farán".

Sobre este tema na xuntanza os sindicatos trasladáronlle ao conselleiro que a UE dá a posibilidade de que o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) conceda a Galiza 12% dos seus fondos para adoptar novas medidas nesta crise froito da COVID-19. "Estamos de acordo coa Xunta en que se solicite ao Goberno español que os fondos que queden sen utilizar non se perdan e pasen aos territorios que garantan que se vaian executar", explica Vilalba, "mais non tivemos resposta disto". 

Programas pensados para outros territorios

"As axudas das que se falan non valen para a Galiza", sinalan desde o SLG. Isabel Vilaba explica que "sacaron unha axuda para cordeiros que é tan pequena por cabeza que para o tipo de granxa que temos aquí é moi pouco significativa". Acontece o mesmo coas axudas á destilación en temas de viños ou á poda en verde que, para a secretaria xeral deste sindicato, "está pensada para Castela-A Mancha ou outras zonas, non para a Galiza".

Fruga pide un plan de choque para o rural

"Os anuncios de Medio Rural teñen todas as características dunha campaña electoral", asegura a Nós Diario Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga). Para esta organización o pagamento das subvencións "xa concedidas" non incrementa"en nada" as achegas que existían. Dacal asegura que "non é un plan para afrontar os problemas causados polo coronavirus en ningún dos sectores que está vivindo unha realidade moi precaria".

Para esta organización a Administración galega tería que mercar e intervir de maneira directa nos produtos que teñen difícil saída. Desde Fruga lamentan que o único plan que tivo a Xunta para o rural durante a pandemia "foi unha intermediación entre produtoras e produtores coas grandes áreas comerciais, cando para iso non se precisa a actuación da Consellaría". 

comentarios