Orde de entrada en prisión contra os 5 ex directivos de NCG polas prexubilacións multimillonarias

En setembro o Supremo confirmara a pena de 2 anos de prisión imposta pola Audiencia Nacional, mais considerara a condena exigua. Agora, a Audiencia Nacional española dicta unha orde de detención.Xustifica a decisión na gravidade dos feitos e en que os condenados non devolveron os cartos.

NCG

A orde da Audiencia Nacional implica que os ex directivos entren en prisión, embora fosen condenados a apenas 2 anos e non teren antecedentes penais. Gayoso, Pego e Estrada foron detidos en Vigo; Gorriarán, en Madrid

É a primeira vez que un caso de corrupción económica vinculada á xestión das antigas caixas acabaría cos seus pretensos responsábeis en cadea. A Audiencia Nacional toma a decisión pola gravidade dos feitos e polo feito de que os condenados non devolveran os cartos (10 millóns de euros).

Os cinco ex directivos foron condenados en outubro de 2015 ao considerar probado a Audiencia Nacional que os directivos urdiron un plan para se apropiaren indebidamente de recursos das caixas fusionadas polo procedimento de modificar os seus contratos de alta dirección. 

As persoas condenadas son Julio Fernández Gayoso, máximo responsábel de Caixanova; José Luís Pego, que segundo algunhas estimacións se tería feito con 7 millóns de euros ao optar pola xubilación; Gregorio Gorriarán, que tería obtido 5 millóns; Óscar Rodríguez Estrada, beneficiado con 700 mil euros, ben como o avogado Ricardo Pradas, asesor de Gayoso.

Fernández Gayoso non se tería apropiado de diñeiro, mais a Audiencia considera probado que é na prática o autor intelectual do delito.

Na sentenza orixinaria, a Audiencia estimaba en 14 millóns o diñeiro que debían devolver os directivos xubilados -Pego, Gorriarán e Rodríguez Estrada. A cantidade foi logo rebaixada polo Supremo a 10 millóns, por considerar que o tribunal de excepción non fixera ben o cálculo económico.

Comentarios