A oposición exixe retomar a comisión de investigación das caixas de aforro

O auto da Audiencia Nacional que desmonta o argumento esgrimido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para xustificar a fusión das antigas caixas de aforro acende a oposición, que exixe a súa comparecencia inmediata e a reactivación da comisión de investigación no Parlamento galego.
Fernández Gayoso (Caixanova), Núñez Feixoo e Méndez (Caixa Galicia) nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fernández Gayoso (Caixanova), Núñez Feixoo e Méndez (Caixa Galicia) nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).

O auto da Audiencia Nacional que cuestiona o papel da Xunta na fusión das antigas caixas de aforro galegas, Caixa Galicia e Caixanova, volveu pór de manifesto a necesidade de esclarecer o acontecido nunha operación que dinamitou o sistema financeiro galego.

Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, á vista do ditame da Audiencia, coincidiron en solicitar a reactivación da comisión de investigación no Parlamento galego sobre as caixas de aforro. Así, desde o BNG, a deputada Noa Presas indicou que "canto máis tempo pasa e máis noticias saen, faise máis evidente que aquí investiga todo o mundo o que ocorreu cun instrumento fundamental para a economía galega, como son as caixas de aforros, menos o Parlamento galego", unha situación que achacou ao "veto constante do Partido Popular nas lexislaturas anteriores" que, entende, "non é admisíbel".

Neste senso, a deputada do BNG insiste en que "por terceira vez imos intentar que esa comisión se reabra e se feche con conclusións". "A ver se á terceira vai a vencida e superamos ese veto constante do PP", engadiu Noa Presas.

Apoio do PSdeG

Desde as filas socialistas, o deputado Pablo Arangüena amosouse partidario de reactivar a comisión de investigación após coñecer o auto da Audiencia, que atribúe á situación de Caixa Galicia a quebra da entidade fusionada e o posterior rescate.

Segundo indicou en rolda de presa, a comisión é un foro adecuado para afondar nese tema", pero entende que tamén é necesaria a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.  

Respecto do auto, sinalou que "é moi revelador e moi sorprendente", e desminte por completo as explicacións que vén facendo e facilitando desde eses anos o presidente da Xunta. 

Como recordou, o rescate das caixas galegas custou 9.000 millóns de euros de recursos públicos. A súa posterior venda por algo máis de mil millóns "deixou polo camiño" 8.000 millóns de euros, "que é 75% do orzamento da Xunta nun ano". "Eran un patrimonio de todos os galegos e agora son un banco en mans privadas", lamentou.

Arangüena exixiu unha "explicación inmediata" e a comparecencia "xa mesmo" do presidente da Xunta" ao respecto dunha información "que desminte todas as súas afirmacións".

O informe da discordia

O deputado socialista lembrou que desde o Executivo galego "en ningún momento se rematou de facilitar o informe de KPMG, que segundo o presidente avalaba a operación", unha ocultación pola que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) chegou mesmo a condenar á Xunta por obstruír o labor da oposición.

Tamén apuntou que o propio responsábel da empresa KPMG recoñecera que dito informe, polo que a Xunta chegou a pagar un millón de euros, non era unha auditoría e que, por tanto, non avalaba a fusión das antigas caixas de aforro galegas, como si defendían desde o Executivo de Núñez Feixoo para a consecución dunha única caixa "solvente" e "viábel".

Caixanova, mellor soa

A Audiencia Nacional sinala no seu auto Caixa Galicia como responsábel de que a nova entidade quebrase e tivese que ser rescatada. A entidade financeira dirixida por José Luis Méndez estaba nunha situación de risco "alto" que comprometía a súa solvencia para ser viábel por ela propia. Non acontecía o mesmo con Caixanova que, segundo afirma a Audiencia, "podería vivir por si propia", aínda que non exenta de dificultades.

Desde Vigo, sede da antiga Caixanova, o seu rexedor, o socialista Abel Caballero, exixiu a Feixoo "que saia e dea a cara". O alcalde afirmou que o presidente da Xunta " expoliou" aos vigueses e viguesas a súa caixa de aforros co fin de "tapar o inmenso buraco económico e financeiro de Caixa Galicia". "Foi unha decisión de Feixoo en contra desta cidade", denunciou o alcalde, quen emprazou ao titular do Executivo galego, a quen sitúa como "responsábel da maior catástrofe financeira da historia da Galiza", a saír "hoxe mesmo a dar explicacións" da súa "nefasta decisión" tras este "auto demoledor".

Feixoo, sorprendido

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, sinalou, a preguntas dos xornalistas, que lle "sorprende moito" que unha cuestión que se discute pola vía penal termine cun auto no que se "fale da solvencia das caixas galegas", cuxa fusión, en todo caso, autorizou o Banco de España, que "foi o que dixo que había que fusionar as caixas por criterios de solvencia", apuntou.

Sobre a reapertura da comisión de investigación, o líder do Executivo galego dixo que "o primeiro" que van facer é "ler" a sentenza. "Paréceme que hai que reflexionar esa sentenza, lela ben", manifestou Feixoo, quen non aclarou se considera que a comisión parlamentaria deba reabrirse, como pediu a oposición, para sacar conclusións.

Comentarios