Despois de apenas 4 anos de funcionamento, e a súa posterior quebra, Alimentos Lácteos deixa 15 millóns de euros de débedas recoñecidas, case 1000 produtor@s aos que se lles adebeda o leite de varios meses, 9 millóns de euros de cartos públicos gastados, case 100 traballadores da planta de envasado sen emprego e varias cooperativas nunha situación realmente crítica. Un escenario preocupante e polo cal a Fruga solicitou xuntanzas cos grupos do Parlamento de Galiza.
Unha delegación de FRUGA expuxo neses encontros a “preocupación pola situación de indefensión que deixa aos produtores a quebra de AALL ao tempo que tamén demandamos que se depuren as responsabilidades pertinentes”. Froito destas reunións, indica a Federación, “conseguiuse que os tres grupos parlamentarios da oposición se puxesen de acordo” e mostrasen o seu “compromiso de solicitar unha comisión de investigación no Parlamento Galego”.
A Federación Rural Galega está á espera, afirma, de que o PP atenda a petición de reunión.