Os Estados produtores de petróleo estenden a restrición da oferta até 2025

O recorte na oferta do petróleo provoca un aumento de prezos.
Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).

O prezo do barril de petróleo, tanto na súa variedade Brent como West Texas Intermediate, cotizaba esta segunda feira con subas tras o anuncio este domingo por parte da OPEP+, liderada por Arabia Saudita e que agrupa á Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) e outros produtores como Rusia, de que manterá durante 2024 unha produción conxunta de 40,46 millóns de barrís ao día, consolidando así os recortes anunciados previamente.

Deste modo, o prezo do barril de cru de referencia no continente europeo chegaba a subir esta segunda feira até os 78,72 dólares, en máximos desde finais de maio, aínda que posteriormente relaxaba a súa escalada até algo máis dos 77 dólares, cunha suba lixeiramente superior a 1% respecto da sexta feira.

No caso do cru WTI, de referencia para os Estados Unidos de América (EUA), o rebote chegaba a superar os 75 dólares, en máximos desde principios de maio, aínda que con posterioridade o prezo do barril desta clase moderábase até os 72,81 dólares, 1,5% máis.

Os Estados da OPEP  confirmaron o domingo o seu compromiso de axustar o nivel de produción total de petróleo cru a 40,46 millóns de barrís por día (mb/d) durante 2024.

Segundo o pactado, manterán a súa produción durante todo o ano que vén en 24,994 millóns de barrís diarios, mentres que os produtores alleos ao cartel fornecerán 15,469 mb/d.

Acción unilateral de Arabia Saudita

Alén diso, Arabia Saudita, de forma unilateral, anunciou unha redución adicional dun millón de barrís diarios este mesmo ano, a partir de xullo por un mes e con posibilidade de prolongar a medida. Desta forma, pasarán a producir nove mb/d no canto dos 10 millóns rexistrados no pasado maio. 

Xa no pasado mes de abril, varios Estados da OPEP declararan a súa disposición para recortar a produción diaria de cru nun total de 1,66 millóns de barrís até finais deste ano.

Comentarios