Con 'Nós Diario' este sábado

A opacidade fiscal da Igrexa, a compra de vacinas pola EU e os fondos europeos, a análise no “Producir”

'Nós Diario' non só chega acompañado do 'Sermos Galiza' este sábado. Tamén o fai do caderno monográfico 'Producir', sobre economía e traballo, en que recoñecidas e recoñecidos analistas tratan variados e actuais temas.
IGREXA
photo_camera A opacidade fiscal da Igrexa a respecto dos seus ingresos e dos seus bens é un dos aspectos que recolle o Producir (Imaxe: Nós Diario).

Este sábado Nós Diario chega aos quioscos e ás casas das persoas subscritoras co Sermos Galiza e tamén co caderno monográfico Producir, en que as máis reputadas e reputados analistas examinan as informacións máis actuais e destacadas na área económica.

Así, o profesor de Economía da USC Bernardo Valdes Paços escribe sobre a denominada lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica. “Com a escusa da reduçom de trámites burocráticos para impulsar a recuperaçom económica facilita-se a entrega dos nossos recursos ao grande capital”, explica, “a simplificaçom como eufemismo da eliminaçom de controis e a reduçom de prazos para, entre outras cousas, evitar a contestaçom social”.

A tamén profesora de Economía da USC María Cadaval trata as “as mistificacións sobre a potencia exportadora da Galiza”. Dá conta de que o último Barómetro Exportador da Galiza revela un crecemento das exportación do 6,8% en decembro con respecto ao mesmo mes do ano 2019, moi por riba da media española e tamén da europea. “Malia isto, o seu nivel segue sete puntos por debaixo da situación precovid-19”, di. Defende a necesidade de “acompañar as pemes e abrir as canles necesarias para que os produtos galegos -máis alá do téxtil e automoción- amplíen horizontes”.

María do Carme García Negro, profesora de Economía da USC, debulla baixo o título “Espectáculo da UE lamentábel” os motivos que se agochan tras a decisión comunitaria da compra das vacinas. “Aquel éxito político inicial, protagonizado por un órgano institucional comunitario do máximo rango, converteuse, nuns meses, non só nun fiasco en termos reais, senón nunha mostra ante o mundo da maior demostración de exhibición de soberbia”, apunta.

En relación aos fondos europeos Next Generation na Galiza escribe o experto en economía Diego Sande Veiga, que analiza os obxectivos e problemáticas deste programa. Á vez, o economista Manoel Barbeitos, expón no seu artigo que “o brutal impacto provocado pola Covid-19 na economía europea fixo cambalear” os seus alicerces, entre eles “os chamados criterios de converxencia, un déficit non superior ao 3% e unha débeda inferior ao 60% do PIB que, entre outros efectos, fixeran que o que fora unha crise financeira (2008) se convertera nunha longa e fonda recesión económica”.

Joám José Romero Durám, economista, expón os seus argumentos sobre a viabilidade dun sistema público de pensións e o enxeñeiro agrícola Xosé Carballido escribe sobre os novos proxectos de parques eólicos previstos na Galiza, advertindo que “os parques eólicos poden -e deben- ter cabida, pero non en espazos protexidos, e cunha proliferación indiscriminada que acaba convertendo a singularidade en praga”.

Ademais, na semana en que se coñece que 25% das galegas e galegos deciden asignar o 0,7% da súa declaración da renda á Igrexa e pouco despois de terse coñecemento dos bens inmatriculados na Galiza, o economista Iago Santos Castroviejo deita luz sobre a xestión fiscal e contábel deste estamento. “O privilexio de non ter que presentar contas que ten a igrexa Católica na Federación Ibérica é algo único no mundo. Permítelle aos membros da Igrexa desviarse todo o que lles pareza da súa misión e impide calquera forma de rendición de contas”, advirte.

Os problemas do furtivismo para a actividade marisqueira é analizado polo profesor de Economía na USC Gonzalo Rodríguez, quen pon de manifesto que “para unha gran maioría da poboación é percibido como algo anecdótico ou menor, nada máis lonxe da realidade”.

Isto e moito máis no caderno Producir que este sábado acompaña Nós Diario nos quiosques. Un total de 60 páxinas por só 3 euros. Se non es subscritora ou subscritor, faino nesta ligazón.

Comentarios