OIT alerta que as políticas de austeridade impiden que se cree emprego até 2017

A Organización Internacional do Traballo apunta a que a reforma laboral aprobada polo goberno de Rajoy facilita o despedimento "sen que haxa contrtatación" e manifesta que hai outras alternativas ás políticas do executivo español de recortes no modelo social
Reforma laboral, máis desemprego

A Organización Internacional do Traballo (OIT) non cre que as políticas de recortes e austeridade aplicadas polo executivo español vaian servir para saír da crise no curto prazo. Máis ben, apunta este organismo, provocan a imposibilidade de xerar emprego, polo menos até 2017. Así o manifestou un representante da OIT, Raymond Torres, que analizou o escenario laboral do Estado español, apuntando que o mercado laboral non vai crear emprego neto até "máis alá de 2017".

Para Torres, hai políticas alternativas e que pasan por non recortar dereitos nin o modelo de benestar, incidindo na necesidade de elaborar actuacións e medidas dirixidas a evitar o alto desemprego, sobre todo na mocidade.

Nesta liña, desde a OIT tamén se considera que a última reforma laboral, aprobada polo executivo de Mariano Rajoy, só contribúe a facilitar o despedimento, sen que haxa contratos. 

Cómpre lembrar que nos últimos meses xurdiron diferentes voces de organismos internacionais que alertan da situación do Estado español. Organización para o Desenvolvemento e a Cooperación Económica (OCDE) advirte nun informe que en 2012 e 2013, o Estado español presentará as máis altas taxas de desemprego dos países desenvolvidos, en torno ao 25 por cento. Isto é, unha de cada catro persoas do estado. Moi por riba de países que, como Portugal ou Grecia, o discurso oficial español presenta como que están nunha situación verdadeiramenmte calamitosa, moito peor que a española.


Comentarios