Pemex aclara que a oferta galega é só unha máis, ''sen favoritismos'', entre as 8 a concurso

A proposta de Navantia e Barreras vai ser ''unha máis'', en palabras dos responsábeis de Pemex, entre as que compiten por estes barcos. Unha frase que deixa máis unha vez en evidencia ás promesas de Feijóo de que todo estaba 'acordado e ben acordado'.

navantia-fene-astano-f-goiriz-14-11-2008-013-3

O 28 de febreiro, terza feira da vindeira semana, Pemex adxudicará tras cinco suspensións a construción dos dous floteis para a súa frota. Uns barcos que, segundo o calendario anunciado e prometido por Feijóo en outubro de 2011 (pre-campaña electoral) xa tiñan que estar hai meses concedidos aos estaleiros galegos. Mais non.

O discurso da Xunta apostou por capear os retrasos na adxudicación dicindo que a oferta galega era a favorita, e que o acordado con Pemex hai máis de ano e medio garantía que eses floteis ían ser feitos polo naval de Galiza. Un en Ferrol e outro en Vigo. Mais isto non é así. E un director xeral de Pemex, Carlos Morales Gil, vén de deixalo clariño nunha entrevista no medio mexicano Fórmula Financiera que é recollida por La Voz de Galicia.

Sen favoritismos

Morales afirmou taxativo que a proposta galega (que compite baixo o paraugas da filial PMI) é unha máis entre as oito a concurso. “Non hai favoritismos, vai ser transparente”, apuntou. E puxo o exemplo doutra filiar de Pemex, Conesa, que ten perdidos conscursos de Pemex aos que se ten presentado.

Este director xeral achacou os adiamentos na adxudicación ao “exhautivo” traballo que implica este tipo de procesos. E adiantou que o que vai ter verdadeiro peso vai ser “o prezo”, é dicir, a oferta máis barata partir duns criterios mínimos no que a aspectos técnicos se refire.

Comentarios