Ocupan concesionaria das ITV para reclamar a readmisión do compañeiro despedido

Varios centos de delegad@s da CIG procedentes de todo o país ocuparon a oficina central de SyC na Coruña para esixir a readmisión do delegado da CIG despedido por, supostamente, facer un uso abusivo das horas sindicais.

Ao berro de “Rosales readmisión” e “ITV represión” e co son acompasado dos golpes dos paus das bandeiras no chan, os delegad@s mantiveron a protesta dentro das oficinas durante unha hora, para posteriormente abandonar voluntariamente o edificio," xa que a policía ameazou con identificar ás persoas alí presentes". No exterior das oficinas a mobilización aínda se prolongou durante unha media hora máis. 

O delegado despedido explicaba ao remate da protesta que non deixará de loitar até conseguir ser readmitido, “porque a min os cartos non me solucionan nada, eu o que quero é traballar”. A este respecto, Antonio Rosales indicou que no acto de conciliación celebrado no SMAC polo despedimento non foi posíbel chegar a ningún acordo, xa que a empresa non estaba disposta a falar da súa readmisión, senón só a ofrecer cartos.

“Isto é unha loita sindical e imos dar a batalla até as últimas consecuencias” advertiu Rosales. Neste senso, puntualizou que coa protesta deste xoves quérese amosar á empresa que “detrás deste despedimento existe toda unha organización sindical que non vai permitir estas represións”, lembrando que o seu despedimento foi comunicado xusto despois de que a CIG se negase a asinar o convenio de empresa “porque discrimina aos traballadores/as que teñen discapacidade”.

Rosales aseverou que a CIG non podía ter asinado un convenio que discrimina a un colectivo xa de por si con dificultades para acceder ao mundo laboral, polo que lamentou que CCOO e UGT si desen o seu apoio ao texto normativo. A CIG tomou a decisión de rexeitar o preacordo de convenio ao comprobar que eliminaba a categoría laboral dos/as ordenanzas, un posto creado en teoría para integrar na empresa a persoas con discapacidade intelectual.

Comentarios