O veto a 3 candidaturas da Fruga condiciona o inicio da campaña aos Consellos Reguladores

A Federación vén de solicitar sendas entrevistas coa conselleira do Medio Rural e presidente da Xunta Electoral “para que nos expliquen os motivos, que a día de hoxe descoñecemos, de que se rexeitasen as nosas candidaturas”

Fruga reclamou o seu dereito a participar nas eleccións aos CR
photo_camera Fruga reclamou o seu dereito a participar nas eleccións aos CR

A campaña electoral aos 17 consellos reguladores da agroalimentación comezou hoxe e finalizará o vindeiro 3 de xullo, coa votación da que sairá a composición destes organismos. Mais esta campaña está marcada polo rexeitamento por parte da Xunta Electoral de tres candidaturas da Federación Rural Galega, as presentadas aos CR de ‘Tenreira galega’, ‘Pataca da Galiza’ e ‘Craega’ (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica). Un veto, a entender da Fruga, que supón distorsionar o propio proceso electoral, alén de implicar unha privazón de dereitos para tod@s aqueles eleitores.

Mais a Xunta Electoral non se limitou a non proclamar esas tres candidaturas. Tamén acrecentou a algunhas das listas da Federación que si poden concorrer á campaña aos CR o termo de 'independentes'. Algo que non fixo con ningunha outra candidatura, inciden desde a Fruga. Xa que logo, a Federación entende que non se está a respectar a igualdade de oportunidades para todas as listas.

"A día de hoxe, no que comeza a campaña, non sabemos por que a Xunta Electoral tomou estas decisións, non se nos notificou nada", explicou Manuel Da Cal, coordenador xeral de Fruga, ás portas de San Caetano, edificio administrativo da Xunta, onde a Federación Rural Galega realizou unha concentración para reivindicar o seu dereito a "participar nas eleccións aos consellos reguladores". Da Cal entregou en rexistro sendas peticións de reunións coa conselleira do Mar e Medio Rural e co presidente da Xunta Electoral "para algo tan simple como que nos expliquen os motivos polos cal decidiron non proclamar as nosas candidaturas e noutras engadirlles o de 'independentes', sinalaba Da Cal.

Diferentes circunstancias para un mesmo resultado

A Fruga mantén a intención de presentarse aos consellos reguladores do Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas e Monterrei. Non pode facelo aos do 'Craega', 'Tenreira Galega' e 'Pataca da Galiza'. Nalgún caso porque a Xunta Electoral tombou a súa lista pese a que esta, por dúas veces, fora avalada polo pleno do consello regulador ao que se presentaban ('Pataca da Galiza'). Noutras, porque pese a corrixir dentro de prazo certas deficiencias existentes na candidatura, non lles foi aprobada ('Craega').

Reparto do 'pastel'

Manuel da Cal tamén chama a atención sobre un elemento a ter en conta en todo este proceso: o artigo 8 da norma que rexe estes procedementos electorais aos consellos reguladores. "Permite que as candidaturas podan chegar a un acordo para repartir os postos que no consello regulador corresponden ao sector productor, sen necesidade entón de ir ás eleccións". E Fruga lembra que ao vetar a súa lista a 'Tenreira Galega' quedan só 4 candidaturas en liza para 4 postos. E o veto á Federación no 'Craega' deixa tres candidaturas en xogo para competir por 3 postos para produtores nese consello. E ao non poder presentarse a Fruga a 'Pataca da Galiza' só quedan optando por algún dos tres postos dese CR tres listas.

Comentarios