O TSXG obriga a Povisa a repoñer as quendas de traballo de mañá, tarde e noite

O tribunal dá a razón ao comité de empresa fronte a unha decisión que fora tomada de maneira unilateral pola dirección do centro médico. A mesma resolución recorda que Povisa fai parte da rede pública de hospitais e exixe que as consellarías de Traballo e Sanidade garantan o cumprimento do convenio co Sergas
photo_camera [Imaxe: CIG]


O TSXG ratificou a sentenza do Xulgado do Social número 2 de Vigo que condena o hospital Povisa a repoñer as xornadas laborais en quendas de mañá, tarde e noite, segundo confirmaron representantes do comité de empresa.

Ao mesmo tempo, anunciaron que seguirán coas mobilizacións para reclamar a negociación do convenio colectivo antes de que decaia no mes de xullo e as condicións laborais e salariais empeoren "entre un 30% e un 40%" coa aplicación do convenio provincial.

A resolución do Superior galego chega após o recurso da empresa contra a decisión xudicial adoptada a respecto dunha denuncia interposta polos sindicatos CIG e de CC OO. Querían botar abaixo a modificación "unilateral" das quendas de traballo por parte da dirección do centro médico, estabelecendo até seis quendas: de 21.30 a 7.30, de 22.30 a 8.30, de 7.30 a 13.30, de 10.00 a 16.00, de 10.00 a 17.00 e de 17.00 a 23.00 horas.

A sentenza obriga a Povisa a recuperar as divisións horarias de 8.00, 15.00 e 23.00 horas, en períodos semanais de seis días de traballo. Tal e como explicou a voceira do comité, María Xesús Neira (CIG), a empresa non acatou aínda o mandato xudicial. En rolda de imprensa, Neira informou de que o cadro de persoal ten dereito a cobrar os atrasos salariais en virtude doutra resolución que data de 2010 e non foi tampouco cumprida.

O xuízo pola redución de xornada imposta pola empresa está datado para o 25 de abril. O comité de empresa lembra que o centro médico vigués fai parte da rede sanitaria pública en virtude dun convenio co Sergas que fica incumprido ao manter a xornada reducida. Na sentenza que obriga a recuperar as quendas de traballo de mañá, tarde e noite, a xuíza exixe que as consellarías de Traballo e Sanidade e Inspección de traballo garantan o cumprimento do convenio asinado co Sergas.

Comentarios