O Tribunal Supremo tumba o primeiro ERE realizado coa nova reforma laboral

Non cuestiona a contrarreforma realizada polo ministerio de Emprego. Porén, si senta xurisprudencia e estabelece uns mínimos que se deben cumprir para aplicar este marco legal, xa de por si favorábel á patronal e á destrución de emprego. Entre eses mínimos deberá estar a vontade de negociar cos e coas traballadoras


A sala do social do Tribunal Supremo pronunciouse por primeira vez sobre a (contra)reforma laboral aprobada polo Goberno español. Non cuestiona directamente a normativa, mais anula os 28 despedimentos que unha empresa de Madrid, Talleres López Gallego, efectuou ao amparo dun expediente de regulación de emprego, dando a razón a dous traballadores e a CC OO, que interpuxeron unha demanda de impugnación.

A sentenza do Supremo non cuestiona a reforma laboral. Porén, senta xurisprudencia e estabelece uns mínimos que haberá que cumprir cando a patronal queira facer uso dun marco legal favorábel á destrución de emprego, e non á creación, obxectivo co cal foi aprobada, segundo o ministerio de Emprego. Un deses mínimos é a intención de negociar cos e coas obreiras, intención que Talleres López Gallego non tivo en ningún momento, "permitindo extinguir desde o principio e sen información relevante" os 28 contratos. 

No concreto, a empresa "incumpriu coa obriga de entregar a documentación que esixe o artigo 51.2 do Estatuto dos traballadores", eludindo a entrega dunha memoria económica "minimamente suficiente" que explique as causas do despedimento colectivo. O único que adxuntou foi unha "pequena" descrición cronolóxica da súa actividade no mercado, sinalando que no anexo se recollía a sinalada memoria. Porén, tal anexo non existía. Sinala a sentenza que non houbo "unha real vontade negociadora" por parte da empresa, que non ofertou ningunha condición nova durante o periodo de consultas con representantes d@s traballador@s.

Comentarios