A SEPI evita comparecer no Congreso para explicar a situación do naval de Ferrol

A Mesa da Comisión de Industria da Cámara española, en mans do PP, vén de alegar 'in extremis' un erro nas datas para pospoñer as explicacións do representante do SEPI
Moilización do naval polas rúas de Ferrol
photo_camera Moilización do naval polas rúas de Ferrol

Horas despois dunha nova mobilización masiva do Naval polasi rúas de Ferrol a Comisión de Industria do Congreso tiña prevista na súa orde do día a comparecencia do responsábel da SEPI (Sociedad Estatal de Participaciones Industriales) para falar da situación e futuro deste sector.

Mais esa comparecencia non se produciu, tal e como denuncian desde o BNG e desde Esqueda Unida (EU) de Ferrol, que consideran esa ausencia “un descarado desplante ao cadro de persoal de Navantia en concreto e en xeral ao conxunto da nosa cidadanía”. E non se produciu a comparecencia porque a Mesa da Comisión de Industria do Congreso, en mans do PP, vén de alegar 'in extremis un erro nas datas para pospoñer unha comparecencia `”necesaria para despexar dúbidas e clarexar que hai de certo e que de campaña electoral no anuncio dos encargos de Pemex”, indican desde EU. A comparecencia estaba prevista xa desde o pasado mes de xaneiro.

Para o BNG a non comparecencia responde a que a SEPI "non ten nada novo que dicir" e EU fala de "desplante á cidadanía"

Desde o BNG, pola súa parte, Manuel Doval, da formación nacionalista en Ferrolterra, considera que "este señor non compareceu porque non tiña nada que dicir. É como a visita a semana pasada a Ferrol da cúpula da SEPI, unha visita que non serviu para nada".

Cómpre lembrar que desde o Bloque Nacionalista Galego pediuse na tramitación dos Orzamentos do Estado a aprobación dunha partida de 125 millóns de euros para a construción dun dique flotante, unha actuación imprescindíbel porque posibilitaría dotar de carga de traballo aos estaleiros". O BNG, alén diso, insiste en que se levante o veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís.

Novas mobilizacións

Tras a multitudinaria manifestación na que participaron 4.000 operari@s, xa se está traballando en novas mobilizacións. Unha delas será o vindeiro 10 de xuño e será convocada a nivel comarcal.

A CIG denuncia novamente ás responsabilidades políticas dos diferentes gobernos coa actual crise do sector, e  criticaba con dureza as actuacións do Partido Popular, que agora ocupa os gobernos español e galego. “A pelota está no tellado do PP e aí están os responsábeis de verdade. Enganan por todo, pero neste tema do naval nos enganaron vilmente, porque en campaña electoral aseguraron que habería dique, mesmo o conselleiro de Industria nos presentou un proxecto que era válido tecnica e economicamente, e agora resulta que teñen que estudalo todo de novo”, sinalou Manel Grandal, da Sección Sindical da CIG en Navantia.

Comentarios