Máis de 1.800€ por persoa para rescatar a banca

A Comisión Nacional de Competencia (CNC) tira no seu último informe o custo por habitante que supuxo o rescate financeiro á banca privada. A cidadanía do Estado español pagou 1.846,67 euros para pagar as débedas das entidades financeiras.

Feixe de billetes. (Foto: Nós Diario)

Desde o estourido da crise económica en 2008, os sucesivos gobernos españois --e europeos-- asumiron como propias as débedas contraídas polas entidades financeiras privadas. Así, destinaron cantidades inxentes de fondos públicos dirixidos a sanear as contas dunha banca chea de buracos verbo da especulación financeira que se desenvolveu durante as últimas décadas.

A reestruturación do sistema financeiro --obxecto de diversos decretos promovidos polo executivo español-- deu lugar no ano 2009 á creación do Fondo de Restruturación e Ordenación Bancaria (FROB), dependente do Banco de España, cuxos fondos --enteiramente públicos-- se encamiñaron a financiaren a remodelación do sistema financeiro español e, por tanto, galego. Entre os seus obxectivos está promover a fusión e privatización da xestión das caixas. Así pois, das corenta e cinco que operaban en 2009 no Estado español, pouco despois de dous anos só ficaban dezasete.

As axudas públicas destinadas á banca superaron os 87 mil millóns de euros en 2010

Neste sentido, os sucesivos rescates á banca custaron á cidadanía máis de mil oitocentos euros, segundo asegura o informe publicado pola Comisión Nacional de Competencia (CNC) para o ano 2010. Esta cifra supón un total de 87.145,47 millóns de euros só nese período, o 94,2% das axudas públicas totais que o goberno español destinou á suposta saída da crise.

Soldos millonarios para os directivos das caixas rescatadas

Das entidades financeiras rescatadas, Nova Galicia Banco (NGB) --resultado da fusión e bancarización das caixas galegas-- recibiu do FROB 3.627 mil millóns de euros de onde saíron, entre outras cuestións, os salarios do seu presidente, José María Castellano e do seu conselleiro delegado, que percibían da entidade en 2011, 890.000 euros anuais e unha blindaxe de 842.000 euros. Aliás, das indemnizacións recibidas polos ex-directivos da entidade, agora investigadas pola Fiscalía Ainticorrución, que superaban os 20 millóns de euros. Porén, non só os directivos de Nova Galicia Banco percibiron importantes indemnizacións após seren rescatadas. As sete entidades financeiras auxiliadas polo FROB retribuíron ás súas cúpulas despois de seren intervidas con fondos públicos unha cantidade superior aos 70 millóns de euros en concepto de salario, indemnizacións e achegas a fondos de pensións privados.  

Comentarios