A oposición desconfía do acordo para a construción de 14 remolcadores por estaleiros galegos

O PSdeG quere coñecer o contido do documento para comprobar se o que Feijóo dixo e o que asinou coinciden

“Cando a esmola é tan grande até o santo desconfía”. O lider do PSdeG, Pachi Vázquez, botou man do refraneiro galego para resumir o seu sentir sobre o anuncio feito pola Xunta da existencia dun acordo que permitirá ao naval galego participar na construción de 14 remolcadores para a petroleira mexicana Pemex. Un acordo que implicaría a inxección de preto de 250 millóns de euros nos estaleiros vigueses e que achegará 2,6 millóns de horas de traballo a este sector.

Para Vázquez, hai que ler “a letra pequena” do acordo para comprobar que o alí recollido e asinado coincida “co que dixo Núñez Feijóo”. Iso si, o socialista recoñeceu que de corresponderser, iso sería unha gran nova para Galiza. Pola súa parte, os sindicatos apostan por manter unha certa cautela a espera de que se coñezan máis detalles.

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, considerou o acordo da petroleira Pemex coa Xunta "unha noticia positiva, pero insuficiente", posto que, ao seu xuízo, é "meramente paliativa e non resolve os problemas do sector". Nun acto en A Coruña para presentar a proposta de creación dunha banca pública galega, Jorquera referiuse a este acordo subscrito este xoves, sobre o cal mostrou as súas dúbidas de que poida repercutir no sector naval público, algo que vai "difícil". Jorquera considera se trata dunha "boa noticia", pero incidiu en que é "insuficiente". Recordou, neste punto, que "dende o inicio da crise no sector naval galego, perdéronse 9.000 postos de traballo" e, como moito, os postos de traballo que se estiman crear co pedido de Pemex 2.000 empregos. "Estamos a falar de pequenos remolcadores, non de grandes petroleiros, o que significa que vai permitir carga de traballo temporal para pequenos estaleiros, non para grandes que non están especializados en construír pequenos remolcadores".

“Antes do outono”

Pola súa parte, o presidente da Xunta vén de sinalar que os primeiros remolcadores da carteira de pedidos pechada onte entre o Goberno galego e a petroleira mexicana Pemes, poderían comezar a construírse nos vindeiros meses. “Espero que nos vindeiros meses, desde logo antes do outono, teñamos nos estaleiros galegos pedidos en construción para a petroleira mexicana”, salientou Feijóo nunha entrevista concedida esta mañá a RNE.

Comentarios