O prezo das peaxes subirá na Galiza un 7,5%

As peaxes das autoestradas galegas incrementarán a partir do domingo un 7,5% o seu prezo. O goberno español xustifica esta decisión argüíndo "perdas" nos ingresos das empresas concesionarias.
O diñeiro negro vai en aumento no Estado
photo_camera O traxecto A Coruña - Vigo custará 14,35€

De acordo coa orde ministerial aprobada a pasada sexta polo goberno español, as empresas concesionarias das autoestradas con peaxe teñen vía libre para subir o custo das mesmas a partir deste domingo. O aumento do prezo débese á supresión por parte do Estado español da compensación que viña aboando desde o 2000 e que, segundo o goberno, hoxe non se ve xustificada. Así mesmo, o executivo español argüiu "perdas nos ingresos das concesionarias" para xustificar a súa decisión.

A suba do IVE aumentará máis os prezos
Á decisión do goberno español de suprimir a compensación engádeselle a suba do IVE prevista para este ano que gravará os prezos no uso deste tipo de vías co 21%. Neste senso, a AP-9 que conecta A Coruña con Vigo, aumentará nun 10% o prezo da peaxe.

A privatización de Renfe e Aena e a liberalización do transporte terrestre
O goberno español adiantou tamén a privatización dos servizos asociados ao transporte ferroviario, portuario e aeroportuario que se levará a cabo o vindeiro ano 2013. A medida suporá a fragmentación de Renfe en catro sociedades anónimas --segundo adiantou a prensa española-- o que derivará na desaparición do ferrocarril público.
Doutra banda, a liberalización do transporte de pasaxeiros a través da promulgación dunha nova Lei de Ordenación do Transporte Terrestre, pretende eliminar os limites para os vehículos que transportan pasaxeiros --taxis-- e que non van identificados, non levan taxímetro nin número de licenza. A decisión do goberno suporía a práctica desaparición do sector.

Comentarios