O PP veta que se devolva ás persoas estafadas polas preferentes a totalidade dos seus aforros

O Partido Popular valeuse da súa maioría absoluta no Congreso para botar abaixo unha proposición de lei impulsada polo PSOE e apoiada polo BNG e outros grupos, que pretendía garantir a devolución íntegra dos cartos retidos nas participacións preferentes.

Os votos do Partido Popular bloquearon no Congreso a proposición de lei en que se estabelecía que os bancos debían devolver a totalidade dos cartos retidos nas participacións preferentes. A iniciativa que foi impulsada polo PSOE e apoiada por BNG, CIU, PNV, ERC, IU, ICV, CHA, UPyD e Compromís.

O argumento polo cal os populares fixeron valer a súa maioría absoluta na cámara española foi que a proposición “contravén a lexislación comunitaria” segundo defendeu o deputado Eloy Suárez. Suárez defendeu o principio de que se “compartan as cargas”, tratando como “inversores minoristas” @s pequen@s aforrador@s que se viron estafad@s polas preferentes.

Ao cabo, o Partido Popular entende que as perto de cen mil familias galegas afectadas terían que asumir a “carga” de perder parte dos seus aforros, malia non seren informadas dos riscos e características deste produto financeiro tóxico. A través dun decreto aprobado semanas atrás o PP xa estabeleceu a posibilidade de que se aplicasen quitas en beneficio das entidades financeiras e en contra dos intereses d@s afectad@s.

O BNG defende a devolución íntegra

Olaia Fernández Davila denunciou na súa intervención que a posición do PP no Congreso e máis a actuación do goberno español deixan “practicamente sen dereitos” as persoas afectadas. A deputada do BNG amosouse partidaria de impugnar perante o Tribunal Constitucional o decreto en que se estabelecía a posibilidade de quitas, tal e como demandan as plataformas galegas de afectad@s, co obxectivo de garantir que recuperen integramente os seus aforros.

Comentarios