O PP ''foxe pola porta de atrás'' e non responde das axudas á frota cefalopodeira prometidas en campaña

Mariñeir@s galeg@s que faenaban en Mauritania concentráronse na Coruña aproveitando unha xuntanza da conselleira de Mar, o ministro de Pesca e a comisaria europea de Pesca. Ningunha das tres persoas quixo ouvir as súas demandas, a pesar de levar xa catro meses coa frota amarrada
Concentración na defensa da flota galega
photo_camera Concentración anterior na defensa da flota galega


Mariñeir@s galeg@s da frota cefalopodeira que faenaban no caladoiro de Mauritania transladáronse até A Coruña para reclamaren o cobro das axudas prometidas pola Xunta tras o cese da actividade e demandar un novo acordo pesqueiro perante a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o ministro de Pesca, Miguel Arias Cañete, e a comisaria europea de Pesca, María Damanaki, concentrad@s na cidade herculina cadrando cunha Conferencia internacional de acuicultura. Porén, ningunha das tres persoas con responsabilidades na materia quixeron manter un encontro na procura dunha solución que garanta a continuidade da flota.

A pesca galega, a que máis perdeu após a entrada na UE
Denunciouno CIG-Mar nun comunicado en que denuncian a "lamentábel" actuación desenvolvida pol@s altos cargos, pois "escaparon" pola porta de atrás do hotel en que se realizaba a xuntanza "sen querer dar a cara" perante @s afectad@s, que levaban cinco horas agardando para poderlles transladar a problemática denunciada após catro meses de mobilizacións. Diante do elevado despregamento de axentes da policía española, que a central nacionalista cifra en 50, todo facía pensar que abandonarían o edificio pola porta principal.

"Por moito que prometese o PP durante a campaña electoral, a verdade é que non se pagou nin un só euro das axudas", denunciou o responsábel de Mar no sindicato, Xabier Aboi, quen demandou ao goberno español e á UE que senten a negociar "un acordo xusto" que permita á frota galega volver a Mauritania, dubidando da palabra da comisaria de Pesca de artellar un novo pacto o ano que vén que inclúa @s mariñeir@s galeg@s, pretendendo así que a frota fique doce meses amarrada. Lembrou Aboi que a pesca galega "foi a que perdeu máis peso desde a entrada na UE" en 1986, pois "nunca foi defendida politicamente".

Comentarios