O PP deita lágrimas de crocodilo polo dique de Ferrol

O alcalde de Ferrol afirma sentirse "enganado" coa decisión da SEPI e o PP bota balóns fóra, dirección Bruxelas, para escorrentar as responsabilidades na perda dunha infrestrutura determinante para o futuro da comarca. Os traballadores anuncian "loita, e da dura". O BNG pide a comparecencia de Montoro para que dé explicacións
naval

A SEPI informou que Navantia non fará o dique flotante que o PP levaba meses asegurando que estaba ao alcance da man e que toda Ferrolterra demandaba como infraestrutura necesaria para o naval e a comarca. A nova xerou unha reacción inmediata dos traballadores do sector, que por volta de 400 rodearon o edificio onde se atopaban representantes da SEPI, Xunta e alcaldes coma o de Ferrol, impedíndolles daí durantre horas. Ao final, puideron deixar o lugar, iso si, con escolta policial. Unha mostra de que no plantel dos estaleiros a auga rebordou o vaso. O PP sábeo e teme o prezo que poida pagar por iso. De aí que xa comecen as lágrimas de crocodrilo.

O primeiro, o propio rexedor de Ferrol (do que 3.000 traballadores do naval pediran a súa demisión a semana pasada). Nunha entrevista concedida a Radio Voz, o alcalde, do Partido Popular, afirmaba sentirse "decepcionado e enganado", e mesmo asegurando que a SEPI debía tomar "algunha responsabilidade".

Tamén desde a propia SEPI e desde o PP déronse presa en botar balóns fora: se o dique non se pode facer é por Bruxelas e a UE, pois considerarían esa construción competencia desleal.

Operarios, "fartos de mentiras"

Cómpre lembrar que a construción do dique flotante foi un dos comprimisos adquiridos por Núñez Feijóo durante a campaña electoral. O daquela candidato á re-elección aseguraba que esta encomenda xeraría centos de postos de traballo e que suporía unha solución para o sector naval galego. Daquela, non había no discurso do presidente sombra algunha de que o dique flotante podería non facerse. 

Nos sindicatos cunde a indignación. Desde a CIG, Manuel Grandal, consideraba que este anuncio mostra que a creación dunha comisión de seguimento sobre o dique "foi para darnos largas en periodo electoral", e critica que Estado e Xunta procuren botar as culpas a Bruxelas: "Eles tamén teñen responsabilidades". "Se nun primeiro momento, a SEPI e Navantia puxeron como escusa a falta cartos, agora a escusa é Europa", indican desde a central nacionalista.

Fartos dos incumprimentos do PP, o naval retomou a semana pasada as mobilizacións.  Por volta de 3.000 traballadores dos estaleiros de Ferrol volveron saír á rúa para exixir carga de traballo e denunciar os incumprimentos do PP con este sector, tanto no que atinxe o dique flotante como na construción dos floteis de Pemex.

O vindeiro 13 de febreiro haberá manifestación do naval na capital da Galiza. E xa para final de mes, mobilización a nivel comarcal en Ferrolterra

Esa vaga de mobilizacións segue esta terza feira, con concentracións de delegados do naval fronte ao Parlamento. E o vindeiro 13 de febreiro haberá manifestación na capital da Galiza. E xa para final de mes, mobilización a nivel comarcal en Ferrolterra.

Que o goberno dé explicacións

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, vén de solicitar as comparecencias do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que expliquen na Cámara a negativa a construír o dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia en Ferrol. Pérez lembra que esta infraestructura “foi unha promesa do actual Presidente da Xunta na campaña eleitoral. Hoxe en día a cidadanía de Ferrolterra e os traballadores de Navantia se senten enganados”. Rosana Pérez quer saber por que a SEPI tardou tanto en anunciar que non se fará o dique, “a que se debe o retraso no anuncio cando se escusa en que a UE non o permite por consideralo ilegal. Sendo así, non tiñan que sabelo de antes?”.


Comentarios