Feijóo liberaliza os horarios comerciais á medida das grandes superficies

Feijóo traslada a Galiza a lei estatal de liberalización de horarios comerciais, amplía a superficie dos que se poden acoller e rebaixa as sancións por incumprimento da mesma, alén da concesión de 10 festivos e 90 horas semanais para as grandes superficies.
Rúa comercial de Compostela
photo_camera Rúa comercial de Compostela


O goberno español abriu a billa da liberalización horaria e a eliminación das tradicionais rebaixas coa súa oferta todo o ano. Foi un primeiro paso que, sumado ao incremento do IVE, deixou a este importante sector da nosa economía ao límite. Agora, rematadas as festas do Nadal o período de compras máis importante do ano, Feijóo anunciou após o consello da Xunta unha nova lei que legaliza a liberdade horaria dos establecementos comerciais galegos. Deste xeito traslada a normativa estatal a Galiza sen contar coa opinión do sector. 

A nova lei permite que os comercios galegos cunha superficie de até 300 metros cadrados terán plena liberdade horaria, fronte os 150 metros cadrados actuais. As multas por incumprimento na nova norma redúcense dun máximo de 60.000 euros a 1.500. No mesmo documento legalízase a apertura das grandes superficies 10 domingos e festivos ao ano e 90 horas semanais.

Beneficio para as grandes superficies

As primeiras opinións sobre a nova norma probada polo goberno de Feijóo non son moi positivas. Xosé Bangueses, presidente do Foro galego do Comercio, considera que "é un paso atrás coa desculpa de adaptarnos á normativa europea, ou sexa ao modelo neoliberal". Segundo este analista "había unha lei consensuada que xa non era moi progresista que agora quedará descafeinada". A razón desta lei, para Bangueses, é "beneficiar" ás grandes superficies. "Aumentan a superficie do chamado pequeno comercio e rebaixan as sancións ás grandes superficies para que lles cubra abrir igual malia ter que pagar a multa".

Paulo Rubido, CIG-Servizos: "a redución das multas é unha invitación a que se salten a lei se lles compensa pagar 1.500 como máximo por abrir aínda máis horas".

Paulo Rubido, da CIG-Servizos, cre que este "seguidismo das normas alleas a Galiza" non vai a crear emprego e, pola contra "desregularizará a actual xornada laboral de traballadoras e traballadores". Este sindicato ten unha posición "intransixente" contra a liberalización horaria que, segundo Rubido, "espalla a tese de Esperanza Aguirre por todo o Estado". Ao redor da redución das multas por incumprimento da lei, o secretario nacional de CIG-Servizos pensa que é "unha invitación a que se salten a lei se lles compensa pagar 1.500 como máximo por abrir aínda máis horas".

Debate no sector

A nova lei aprobada pola Xunta xerou un intenso debate no sector. "Vai prexudicar o pequeno comercio que non pode competir coas grandes superficies, aquel que teña que contratar persoal para cubrir todas as horas", aseguran unha parella de autónomos que ten unha papelería no centro de Compostela. No seu caso particular din que non lles afecta polas horas que realizan na actualidade "que non chegan nin para cubrir os gastos do negocio".

Noutro comercio da mesma cidade, unha histórica ferretaría, os dous traballadores cren que o aumento de horario "non vai compensar" en relación cos ingresos económicos finais da xornada. "Acostuman á xente a que todo esté aberto a todas horas aínda que sexa para pasear e ver os negocios abertos, mais de comprar nada". A poucos metros a propietaria dunha tenda de roupa é da mesma opinión. "Xa podemos facer horas, mesmo durmir aqui que non imos gañar máis". As vendas reducíronse estas festas nas que "a xente mercou detalles e non agasallos como antes". Tod@s coinciden en que o gran problema é que hai cada vez máis paro e as medidas que se toman non axudan. "Se non hai cartos nos petos dos clientes ou teñen medo por non ver o fin desta situación non sairemos nunca deste pozo".

"Xa podemos facer horas, mesmo durmir aqui que non imos gañar máis"

"Hai xente que quere traballar só oito horas ao día"

As diferentes opinións chegaron ás asociacións de comerciantes que están divididas. Algunhas mesmo pensan que é positiva a liberalización horaria. "Nós estamos no camiño de Santiago e non sabemos cando pasa un peregrino polo que está ben que cada quen poda abrir cando queira". Montse, presidenta da Asociación de Comerciantes e Industriais de Palas de Rei (ACIP), está a favor desta nova norma. "Hai xente que quere traballar só oito horas ao día", afirma, "e cando outros queremos ir mercar non podemos con eses horarios".

Outro dos partidarios é Manuel Tapia, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Mondoñedo (ACIAM). Ten un bar e asegura que xa abre "todo o día" e que a liberalización horaria beneficia "para que podamos ir mercar ás grandes superficies" ao saír do traballo.

Comentarios