O paro descende en maio na Galiza mais a menor ritmo que no resto do Estado

Galiza pechou maio con 276.608 persoas desempregadas, un 0,37 por cento menos que en abril. No Estado, a baixada foi do 0,63 por cen. O paro descendeu en sectores como o da construción ou a industria mais aumentou en servizos e agricultura e pesca
Galiza, a cada máis desempregad@s
photo_camera Galiza, a cada máis desempregad@s

A taxa de persoas desempregadas na Galiza mantense por riba do 20 por cento malia o descenso, lixeiro, que o paro rexistrou en maio. Este mes pechouse logrando reducir o número de parados e paradas en 1.036 persoas, o que supón un descenso do 0,37 por cento. No Estado, esa baixada foi do 0,63 por cento, case o duplo.

Na Galiza, pois, a 31 do mes pasado había rexistradas 276.608 persoas en situación de desemprego. O paro reduciuse en sectores como o da construción, a industria ou o colectivo dos de sen emprego anterior. Mais, pola contra, continuou coa súa tendencia alcista en sectores como o de servizos (onde xa hai máis de 151.000 parad@s) ou agricultura e pesca. Por provincias, o número de desempregados e desempregadas baixou en Lugo, Ourense e Pontevedra, se ben aumentou na da Coruña.

En maio de 2011 o descenso do número de persoas desempregadas no país fora de 4.648. Un ano despois, esa redución foi de apenas unha cuarta parte, Como xa vén sendo habitual, mulleres e menores de 25 anos son os colectivos máis afectados pola situación de desemprego.

Recortes en políticas de emprego

A este escenario hai que engadir que os gobernos galego e español están a adoptar decisións que implican duros recortes nas políticas de emprego. Así, ao abeiro da recente reforma laboral a Xunta o BNG denunciou que a Xunta abre a porta á privatización das oficinas públicas de emprego, de aí o recorte dos contratos a 109 promotores, que concluían o seu labor en decembro deste ano e agora se adianta a finais deste mes de xuño.

A isto engádese, a alerta dada desde sindicatos coma CCOO, dun «brutal recorte» dun 57% que se está a producir nas políticas activas de emprego na Galiza.

Valoración da CIG

A CIG segue a exixir dos poderes públicos políticas activas que permiten apostar claramente pola creación de emprego. A central nacionalista lembra que Maio adoita ser un mes no que hai un descenso estacional do desemprego. Porén, a situación "é tan grave que, desta volta ese descenso foi o máis baixo desde que comezou a crise. Así, no ano 2008 baixara un 1,9%; en 2009, o 1,5%; en 2010, o 2,3%; en 2011 o 1,9%. Fronte a isto, no ano actual -2012- ese descenso foi de tan só o 0,37%, fronte a un 0,63% no conxunto do Estado".

 Galiza foi, ademais, a terceira comunidade na que menos descendeu o paro neste mes, logo de Madrid e Estremadura, co agravante de que temos un 15,25% máis de desempregados respecto de maio de 2011. O descenso deuse en todos os sectores, agás no de Servizos, onde o incremento foi do 0,41%.

"A este ritmo, necesitaríamos tres anos para situarnos en cifras de maio de 2011, onde o paro xa era escandaloso", afirma López Rivera, secretario confederal de emprego da CIG

 Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego, considera que de manterse este ritmo de redución de paro “necesitaríamos tres anos para situarnos en cifras de maio de 2011, onde o paro xa era escandaloso e moitísimos máis en pornos en datas de desemprego similares ás que había antes de iniciarse a crise, en 2008”.

Comentarios