O paro baixa en xuño en 7.400 persoas nun descenso estacional

Desde xuño de 2011, o desemprego suma en Galiza 35.646 persoas máis, un 15%.
Galiza, a cada máis desempregad@s

O número de persoas desempregadas reuciuse en xuño na Galiza, un mes propicio a nivel de todo o Estado para esta tendencia á baixa por mor do inicio da tempada de turismo.Galiza ten actualmente 269.203 persoas no paro, o que supón 7.400 menos que en maio, un descenso do 2,6%. En xuño de 2011 o desemprego reducírase en 6.400 persoas e nese mes de 2010 a baixada en parad@s fora de 8.682.  

As previsións apuntan que xullo e agosto tamén poidan ter un comportamento positivo en canto á redución do desemprego, ao ser meses de forte actividade no sector da hostalería e do turismo en xeral.

Mais, lembran desde os sindicatos, esta situación é estacional, e, tomando como exem plo anos anteriores, finalizada a tempada volve aumentar a lista de persoas desempregadas. Desde xuño de 2011 até agora, o paro na Galiza suma 35.646 persoas máis.

Sectores

En xuño deste ano, e por sectores, o número de desempregad@s só aumentou na agricultura, mentres que a maior redución do paro deuse no sector servizos (3.014 parad@s menos que en maio).

Riscos

A CIG considera que os datos do paro do mes de xuño en Galiza, con 269.203 persoas desempregadas, "provocan calafríos" e que resulta “bochornoso” que se faga unha lectura triunfalista dun descenso "puramente estacional" de tan só o 2,68% respecto do mes de maio, un total de 7.405 persoas. Máis cando esa diminución é inferior á do mesmo mes do ano pasado e con diferenza inferior á dos peores anos da crise, 2009 e 2010. Os datos son aínda máis indignantes cando o incremento do paro, respecto do mesmo mes do ano pasado, é do 15,26% e cando a metade dos desempregados/as con dereito a prestación están cobrando xa subsidios, o que incrementa o seu risco de exclusión social.

A metade dos desempregados/as con dereito a prestación están cobrando xa subsidios, o que incrementa o seu risco de exclusión social, lembran desde a CIG

Para o secretario confederal de Emprego, Antonio López Rivera, é especialmente grave que o 92,21% dos contratos asinados no mes de xuño sexan de carácter temporal. “Constata un nivel de eventualidade e, polo tanto, de precariedade laboral terríbel, evidencia o carácter estacional da contratación e demostra o absoluto fracaso das sucesivas reformas laborais”.

Os sucesivos recortes nos orzamentos e a falta de medidas que contribúan a estimular a actividade económica "non permiten a recuperación do emprego", insiste, pola súa parte Maica Bouza, responsable de Emprego de CC OO. Polo tanto, unha vez pasado o período de contratación estacional, "volveremos ver datos de emprego negativos".

Comentarios