O Parlamento instará a Xunta a modificar as taxas eólicas en función da potencia das instalacións

A Cámara aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG transaccionada cunha emenda do PP. Porén, os conservadores rexeitaron reclamar en Madrid que sexa Galiza quen decida sobre os seus recursos enerxéticos. Malia os 1.500 empregos destruídos só na comarca de Ferrolterra, @s conservador@s sosteñen que o compromiso da Xunta co sector eólico é "indiscutíbel"

photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


O Parlamento galego instará a Xunta de Galiza a modificar a taxa de inclusión no réxime especial da enerxía eólica estabelecendo unha escala de tarifas que tomará en conta a potencia da instalación. 

A demanda d@s pequen@s produtor@s levouna esta cuarta feira o BNG a debate na Comisión de enerxía e foi aprobada por unanimidade após a aprobación dunha emenda do grupo parlamentario do PPdG e retirar da proposición non de lei o punto relativo á exixencia de demandar do Goberno español o dereito de Galiza a decidir sobre os seus propios recursos enerxéticos. O PPdG quería reducilo a que a Xunta "siga defendendo o bloque de competencias que lle corresponden", polo que a formación frontista decidiu non someter ese apartado a votación e levar máis adiante á Cámara "unha proposta en firme polo dereito de Galiza a decidir".

O PP botou abaixo o decreto eólico "por carraxe electoral"

Así as cousas, foi a deputada Carme Adán a encarregada de defender unha proposición non de lei que chega após o que cualificou como a "parálise" dun sector "central" para o noso País e que viña de conseguir avances a través dun concurso eólico "do cal podían gostar ou non, mais que era legal". Dixo Adán que a postura do PP desde o Goberno de Madrid fora clara desde o primeiro momento: non apostar polas enerxías renovábeis. "A coartada foi o déficit tarifario (@s conservador@s sosteñen que se multiplicou por 17 durante o goberno do PSOE) e a realidade foi unha prima ás grandes empresas", recalcou a nacionalista. 

Acrecentou que os 6.000 postos de traballo vinculados ao sector eólico que o ex conselleiro Javier Guerra comprometera no Parlamento após botar abaixo o concurso do bipartito "non chegaron", deixando a cambio por volta de 1.500 destruídos só na comarca de Ferrolterra, onde os 373 despedimentos planteados pola empresa Alstom veñen sumarse ao peche doutras como Barlovento ou Metarlúrxica do Atlántico. Por isto, enfatizou a necesidade de que Galiza teña "capacidade de decidir" sobre os seus propios recursos enerxéticos, tamén no sector eólico, unha capacidade que Carme Adán ve "moi limitada ou eliminada polas inxerencias do Goberno de Madrid" nas competencias galegas. 

AGE pide a eliminación dos cupos de produción

Malia comprometer o seu voto a favor, o grupo parlamentar de AGE presentou dúas emendas. David Fernández reclamou a desaparición dos cupos de produción de enerxía impostos polo Executivo estatal, por seren "un lastre" para o desenvolvemento e o aproveitamento dos recursos enerxéticos da Galiza, onde cómpre unha produción "distribuída".

Tamén exixiu que a Xunta fomente a instalación de microparques eólicos de menos de 100kw. O BNG rexeitou ambas as dúas emendas: a primeira por considerar que merece dun debate máis amplo e a segunda porque vai incluída na propia proposición da formación frontista. 

O PP di que o compromiso da Xunta co eólico é "indiscutíbel". Perdéronse máis de 1.500 empregos

O deputado do PSOE, José Luis Méndez Romeu, non introduciu emenda ningunha. Apoiou o texto nacionalista ao considerar que o sector eólico "está ferido de morte" e que a Xunta "non fai nin todo o que pode nin todo o que debe".

Finalmente, o grupo parlamentario do PP si incluiu unha emenda que foi transaccionada polo BNG e que pasa polo estabelecemento "dunha escala de tarifas en función da potencia da instalación". O deputado conservador Hipólito Fariñas considerou que o compromiso da Xunta de Feijóo co sector eólico é "indiscutíbel", malia que previamente se falara de máis de 1.500 empregos destruídos. O novo texto foi aprobado por unanimidade dos catro grupos parlamentares.

Comentarios