O novo plan de austeridade de Rajoy eliminará 300.000 empregos públicos

O goberno central anunciará en breve un novo recorte que podería chegar aos 30.000 millóns de euros
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

Mariano Rajoy anunciou esta semana que ía "pisar o acelerador" nas reformas da economía española, unha frase que tería a súa tradución concreta na eliminación de 300.000 empregos públicos e nun novo recorte de ducias de milleiros de millóns de euros. Esas son as cifras que da o medio El Economista, citando a fontes próximas ao executivo español.

La Moncloa xa leva semanas lanzando globos sonda de que era necesario un adelgazamento da administración, todo elo parapetado na xustificación da austeridade. 

A Área Pública da CIG (CIG-Ensino, CIG-Saúde e CIG-Administración) manifesta a súa máis rotunda oposición á pretensión do PP de facer pagar ás empregadas e empregados públicos o rescate da banca cos seus postos de traballo. Considera que é inaceptábel tratar de aforrar 80.000 millóns de euros a cambio de mandar ao paro ás persoas que traballan para as administracións, cando non se adopta ningunha medida dirixida a facer pagar a quen máis ten, controlar as actividades dos especuladores, impedir a fraude fiscal ou mudar un sistema que está a favorecer a acumulación de capital en cada vez menos mans, mentres se empobrece ao conxunto da poboación.

 Un outro plan de privatizacións

O goberno español engadirá ao seu plan de axuste e redución do défice, máis privatizacións que alcanzarán os 30.000 millóns de euros, segundo fontes do executivo achegadas a Europa Press. Esta nova medida, afectaría previsibelmente a empresas de participación estatal coma Renfe, Aena ou a rede de Paradores. 

O novo plan, deberá ser previamente aprobado por Bruxelas na vindeira xuntanza programada para o 10 de xullo, e dirixirase a amortizar parte da débeda. 

Comentarios