O naval retoma as mobilizacións perante os incumprimentos do PP no dique flotante e Pemex

Ferrol acollerá esta cuarta feira unha manifestación convocada polos comités de empresa de Navantia para denunciaren o desleixo e incumprimento do PP a respeito  dos compromisos e promesas para o sector, como o dique flotante ou os floteis de Pemex
O naval volveu ás rúas na defensa do emprego

Poucos sectores foron tan golpeados pola crise como o naval galego. Un sector fulcral en comarcas como a de Vigo e Ferrol, e no conxunto de Galiza, e que leva anos sometido a unha sangría de destrución de emprego. Máis de 2.000 só en Ferrolterra. No vórtice electoral as promesas para o naval agromaban, basicamente dúas: o dique flotante e a construción de dous floteis para a multinacional mexicana Pemex. Mais alén das promesas, nada diso avanzou nestes meses. Unha situación que "exaspera" @s traballador@s do sector.

Por iso, o naval de Ferrol decidiu retomar as mobilizacións. A primeira será esta cuarta feira, 23 de xaneiro, cunha manifestación convocada polos comités de empresa de Navantia. Será só un primeiro paso, pois valórase levar a cabo unha manifestación en Compostela o 13 de febreiro. E, na última semana, dese mes, unha gran mobilización a nivel comarcal en Ferrolterra.

"Motivos para saír á rúa hai de abondo"

"Motivos para saí á rúa hai de abondo", recoñecen nos sindicatos. Lembran que dos dous floteis de Pemex (un para os estaleiros de Vigo e outro para os de Ferrol) non hai nada novo, alén de promesas. "Encheron a boca de falar, de dicer que estaba feito, e está todo no aire". Máis alá das reiteradas promesas de Feijóo afirmando que todo estaba 'atado e ben atado', o certo é que a multinacional mexicana non tomou decisión definitiva sobre este tema. Polo que os floteis poden que non sexan construídos en Galiza.

Outra das cuestións, e quizás a máis importante para o sector, é o dique flotante para Ferrol, unha estrutura que xeraría emprego e dotaría dunha ferramenta este naval para competir, garantindo máis posibilidades de carga de traballo.

"Levamos tres meses de atraso. Hai uns días presentamos na Xunta un escrito para que se incluíse nos orzamentos de 2013 unha partida para o dique, como sinal de que a súa construción ía ser algo en firme. Mais diso non sabemos nada", indica Manuel Grandal, da CIG.

Comentarios