O naval, farto, volve á rúa: “Montoro, cabrón, está é a ocupación”

Perto de 2.500 operarios do naval volveron saír á rúa en Ferrol para reclamar o prometido flotel e dique flotante, e rexeitar as declaracións do ministro de Montoro de que en Navantia había “ocupación”, en referencia á carga de traballo
Foto: @maria_panblanco
photo_camera Foto: @maria_panblanco

Máis unha vez, os traballadores de Navantia e auxiliares volveron á rúa en Ferrol. Cada vez máis cansos e máis fartos. Pasan os días e o tan prometido dique flotante que se prometeu non se construirá (o propio presidente de Navantia di hoxe no ABC que “non é viábel”). E sobre o flotel que tanto comprometera Feijóo, nada e nada.

O presidente de Navantia afirma no ABC que non haberá dique para Ferrol: "Non é viábel". E engade que o estado "non pode subvencionar empresas deficitarias"

Por volta de 2.500 operarios dos estaleiros de Ferrol e Fene volveron mobilizarse, nesta ocasión ante a sede da Delegación de Facenda. Un lugar elixido para amosar o seu rexeitamento ás palabras do ministro Cristóbal Montoro hai uns días no Congreso, asegurando que nas factorías de Ferrol había “ocupación” e “carga de traballo”.

“Onde está que non se ve, o flotel do PP”

Palabras de orde como “Montoro, cabrón, esta é a ocupación” ou “onde está que non se ve, o flotel do PP” foron constantes até chegar á delegación, protexida por un numerosos dispositivo policial.

Sindicatos e comités de empresa insisten na destrución de centos de empregos nestes últimos meses e na falla de cumprimento das promesas feitas desde goberno autonómico e central. Temen, aliás, que desde a dirección de Navantia se esté empezando a pensar nun novo axuste “brutal” de plantel. E advirten: “Aquí estaremos para lles facer fronte”.

Comentarios