Os sindicatos reproban as declaracións de Montoro de que o naval de Ferrol ten carga de traballo

O ministro de Economía, Cristóbal Montoro, afirmou en sede parlamentar, en resposta a unha pregunta do BNG sobre o dique para Ferrol, que o estaleiro de Navantia tiña unha "ocupación realmente alta". Afirmación que os sindicatos acolleron cunha mistura de sorpresa e indignación
naval Ferrol

O BNG preguntou no Congreso ao ministro de Economía polo dique flotante para o naval de Ferrol. E Cristóbal Montoro respostou con apenas tres frases. Iso si, tres frases que caeron como unha bomba no naval ferrolá. Montoro comezou afirmando que o executivo español "non descarta nada" a respeito do dique flotante. Os sindicatos fican estupefactos ante esta declaración: "A propia SEPI, ou sexa, eles (o goberno español), dixéronnos que era imposíbel, botando a culpa a Bruxelas, iso si", indican desde CIG e CCOO.

Mais non é a única frase de Montoro que obtivo a reprobación dos sindicatos. O ministro, na súa resposta ao BNG, dixo textualmente: "En Navantia no mes de marzo vai comezar a cortarse chapa e a ocupación é realmente alta", engadindo que "afortunadamente, en Ferrol hai garantida para bastante tempo (carga de traballo)". CIG e CCOO consideran esas afirmacións como propias de alguén "fóra da realidade".

 "Non podemos esperar"

Ignacio Naveiras, do comité de Navantia, xa sinalou que nin o naval nin Ferrolterra "poden esperar máis", pois a situación é dramática. Aponta a que o plantel directo deste estaleiro, de manterse a actual situación, ficará sen traballo após o verán.

Para Manel Grandal, da CIG, as afirmacións de Montoro son "un desprezo absoluto aos traballadores do naval de Ferrol e á cidadanía de toda a comarca". Grandal di que a realidade do sector é que "hai seccións que están pechando e só fica unha persoa nelas para tarefas de mantemento", para alén de lembrar que nestes meses a falla de carga de traballo provocou a perda de perto de 2.000 empregos.

Comentarios