O naval de Ferrol protesta diante do Parlamento pola falta de traballo

Traballadores e traballadoras do sector naval de Ferrol e as empresas auxiliares realizaron hoxe unha manifestación que rematou no parlamento galego onde agardaba un desproporcionado dispositivo policial. (Vídeo no interior)
Manifestación Naval Parlamento

"Non hai cartos para o dique, e si sobres para os caciques". Este foi un dos berros que se escoitaron hoxe na manifestación de Navantia Ferrol en Compostela. O naval estivo na capital de Galiza para protestar pola falta de carga de traballo nos estaleiros galegos. Case 3.000 persoas desprazáronse a Compostela e realizaron a pé o traxecto desde a Alameda até o Parlamento galego onde atoparon un forte dispositivo policial que lles impediu o acceso até a porta.

"Para o noso problema só queda unha resposta: o dique, os floteis, non entran medias tintas", asegurou Ignacio Naveiras, "é falso o que di o ministro no Congreso de que temos carga de traballo". Desde o Comité de Empresa aseguraron que seguiran coa loita unitaria até o 24 de febreiro que terá lugar unha grande manifestación en Ferrol. logo, aseguran, dependerá da actitude do goberno.

En apoio ao sector estiveron na manifestación Francisco Jorquera (BNG), Beatriz Sestayo (PSdeG) e Yolanda Díaz (AGE).

Comentarios