Delegados do naval de Ferrol lembran a Feijóo que levan dous meses agardando que os reciba

Por volta de 120 delegados de Navantia concentráronse ante sede da Xunta. Denuncian o abandono do executivo galego ao sector. "Do tan cacarexado flotel, nin rastro"

Foto: @maria_panblanco
photo_camera Foto: @maria_panblanco

Cun naval afogado, en Vigo pola devolución das axudas do tax-lease e en Ferrol pola falla de carga de traballo e incumprimento de promesas como dique flotante, Feijóo non sabe/non contesta. Só á prensa amiga. Mais non, por exemplo, aos traballadores do naval.

Así o están a denunciar os 120 delegados de Navantia que se concentraron en Compostela fronte o edificio administrativo da Xunta. Hai dous meses pediran unha reunión ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Industria e aínda non recibiron resposta. “É unha vergoña”, consideran os operarios.

E o flotel?

Aliás, do tan prometido flotel de Pemex que ía ser construído en Ferrol nada se sabe. O goberno galego xa non se atreve nin a vender propagando sobre o buque. Desde o comité de empresa lembran que o preacordo asinado no seu momento non está pechado, polo que non ten validez real.

Hai uns días, varios medios sinalaban que o goberno mexicano non vai dar vía libre á construción do flotel en Ferrol mentres non teña garantías sobre esas contrapartidas por parte do Goberno español. E de que contrapartidas estariamos a falar? A este respecto, todo o que se apunta é que os mexicanos seguen pendentes de que o Executivo de Mariano Rajoy acceda a “misteriosas condicións políticas” relacionadas con oempresas españolas privadas con intereses en México que non se cumpriron.


 

Comentarios