O ministro Soria visita Alcoa con promesas das cales os sindicatos recean

José Manuel Soria dixo que “garante” a viabilidade das plantas galegas, mais o Comité de empresa non fica convencido cunhas palabras sen concreción feitas en campaña electoral. Ana Pontón responsabilizou a Xunta da situación “pola falta de políticas industriais” do executivo.
Jose Manuel Soria, ministro de industria
photo_camera Jose Manuel Soria, ministro de industria

O ministro de Industria do goberno español, José Manuel Soria, visitou A Coruña e San Cibrao para se comprometer con que o 1 de xaneiro de 2013 haxa “un sistema" que sirva para garantir a competitividade das plantas galegas da empresa estadounidense de produción de aluminio Alcoa, “no que afecta aos custos de enerxía eléctrica”. Porén, malia o anuncio oficial do ministro, os representantes do persoal amosáronse prudentes xa que esperaban “un plan máis detallado”.

Soria apenas profundou nos detalles nunha visita rápida que os sindicatos non esquecen que ten lugar en época electoral e cun conflito que pode afectar a máis de 2.000 traballador@s, cuxas protestas cada día soben de ton na rúa. Xunto ao ministro estivo o conselleiro de economía da Xunta e candidato do PP ás eleccións do 21-O, Javier Guerra, que cualificou de “magnífica nova” para as fábricas o anuncio de Soria.

“Dalgún xeito seguimos igual, obtivemos un compromiso do ministro, mais levamos desde maio escoitando as mesmas palabras”

Moito menos entusiasmo amosaron @s representantes sindicais das plantas galegas de Alcoa. O presidente do comité de empresa en San Cibrao, Xosé Luís Combarro, declarou que esperaba “algo un pouco máis detallado” da xuntanza con Soria. “Dalgún xeito seguimos igual, obtivemos un compromiso do ministro, mais levamos desde maio escoitando as mesmas palabras”. O seu homólogo na Coruña, Nazario Arias, cualificou o seu sentimento tras se reunir con Soria de “alegría contida”. Pola súa banda, o presidente de Alcoa no Estado español, José Ramón Camino, tamén fuxiu de triunfalismos e afirmou: “Estamos aí, mais queda moito por percorrer e vai ser duro e difícil”.

O BNG responsabiliza a Xunta pola falta de política industrial

Despois dunha reunión da Permanente do Parlamento, a candidata do BNG Ana Pontón acusou a Feijóo da actual situación de Alcoa “que é consecuencia da falta de políticas industriais da Xunta e da súa incapacidade para defender os intereses de Galiza”. Ademais, a nacionalista demandou que se arbitre “unha solución para evitar a destrución de miles de postos de traballo”.

“O que pasa nesta empresa na Coruña e na Mariña é outra proba do engano á sociedade que supuxeron as privatizacións de empresas públicas do estado e tamén do desinterese da Xunta por defender o emprego e ás industrias do noso país”, engadiu Pontón.

Comentarios