O Eurogrupo aborda vías para o rescate bancario do Estado español

O Eurogrupo celebra unha xuntanza para estudar a vía do rescate bancario de España, cita que se produce horas despois de que o FMI cifrase en 40.000 millóns de euros as necesidades da sistema financeiro español nun informe que vén de dar a coñecer antes do previsto

Xuntanza anterior do Eurogrupo e FMI
photo_camera Xuntanza anterior do Eurogrupo e FMI

Os ministros de economía dos países da zona euro están reunidos por teleconferencia para abordar o protocolo ou instrumentos a poñer en marcha para o rescate bancario do Estado español, unha edida que se da xa por case segura. O goberno español garda un mutismo absoluto en torno a esta cuestión.

O Fondo Monetario Internacional (FMI) vén de dar a coñecer o informe de avaliación do sistema financeiro español, un documento que estaba previsto que non se presentase até inicios da vindeira semana. O FMI sinala que a recapitalización da banca española precisaría de máis de 40.000 millóns de euros" a causa dos custos de reestruturación e da reclasificación de empréstimos”.

O contido do informe, así como o seu adiantamento, son interpretados como máis un paso que conduce a que o Estado español pida o rescate bancario, algo que podería acontecer nesta mesma fin de semana, segundo teñen recoñecido fontes da Unión Europea.

No documento, o FMI critica medidas adoptadas nestes anos que, sinala, permitiron continuar a operar bancos españois “febles” en detrimento da estabilidade financeira. No entanto, o informe destaca que os dous grandes bancos do sector (Santander e BBVA) "están de abondo capitalizados e dispoñen dunha sólida rendibilidade como para soportar un maior deterioro das condicións económicas" -

E Botín acertou

Os 40.000 millóns de euros nos que o FMI cifra a necesidade de capitalización do sistema bancario español son a cantidade que Emilio Botín afirmou hai uns días que precisaría a banca española para se sanear.

Comentarios