O goberno español regulará despedimentos colectivos na Administración Pública

Coa aprobación dun decreto-lei, o goberno central pretende regular despedimentos colectivos en todas as administracións públicas tan só con alegar insuficiencia orzamentaria.

Mobilización contra a precariedade

A pasada cuarta feira a Dirección Xeral da Función Pública, reunida na mesa xeral coas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, anunciou a inminente publicación dun decreto polo que se regulará o despedimento colectivo de empregad@s públic@s nas administracións de todo o estado español. O Director Xeral desvelou parte do contido do texto convencido de que as organizacións sindicais xa o coñecían, perante o abraio d@s sindicalistas, o Director Xeral evitou afondar no contido da norma.

O decreto, cuxo borrador xa está preparado afirmou o Director Xeral, podería ser aprobado en Consello de Ministr@s nos vindeiros meses (setembro-outubro) e afectará ao persoal laboral fixo. O texto, segundo adiantou a Dirección Xeral, fundamentaría o despedimento nunha insuficiencia orzamentaria quer xeral, quer departamental. Neste senso, as contínuas medidas de axuste e redución do défice converten nunha decisión política a destrución de postos de traballo na función pública. Segundo afirma Fernando García, secretario xeral da CIG-Administración, "eles teñen a tixola polo mango".

Malia que o director xeral da función pública aseguraba, na mesa desenvolvida a pasada cuarta, que na Galiza non se chegaría a aplicar para a CIG-Adminstración, é unha declaración de intencións propia da campaña electoral,"non nos cremos nada", asegura García. Na Galiza, aproximadamente 15.000 empregad@s, dependentes da Xunta poderían ficar sen emprego coa aplicación deste decreto-lei.

Comentarios