O goberno español prepara unha nova tesoirada para as pensións ao gosto de Bruxelas

Rajoy abre en 2013 a porta a unha nova reforma das pensións, tal e como lle exixen desde Bruxelas. Unha medida cunha especial incidencia na Galiza, coas pensións máis baixas do estado e un importante número de pensionistas, 736.000. A anterior reforma das pensións, aprobada por Zapatero, xurdira dun pacto con patronal, CCOO e UGT; mais contou coa oposición frontal do PP
pensionistas

O goberno español prepara, coa entrada do ano, un proceso que conduza nun breve espazo de tempo á reforma das pensións. Un tema delicado, tanto polo número de pensionistas (e o seu importante caudal de votos)  como por ser este sector da sociedade unha especie de línea vermella cuxo traspaso sería indicativo de que o executivo non ten límites á hora de recortar e reducir ingresos e dereitos. De aí que o goberno de Rajoy queira atraer a esta reforma ao principal partido da oposición, PSOE, e aos sindicatos CCOO e UGT. Coa patronal, que leva demandando esa reforma meses, non habería problema. Estes catro actores (PSOE, patronal, CCOO e UGT) xa pactaron no seu día unha reforma contra a que se posicionou de forma belixerante o PP. Aquel pensionazo, aliás, motivou o rexeitamento da esquerda política e social e de sindicatos como a CIG.

O goberno quere aumentar a idade da xubilación forzosa aos 63 anos e da voluntaria aos 65

A folla de ruta de Mariano Rajoy para a reforma de pensións xa está en marcha. O Consello de Ministros desta sexta aprobou, de xeito inesperado, un decreto lei polo que suspende a aplicación dalgúns puntos da reforma das pensións de Zapatero. Que puntos? Pois os que fixan a idade de xubilación forzosa nos 61 anos e da voluntaria nos 63. O propio executivo contempla aumentalas a 63 e 65 anos, respectivamente.

O goberno español fala de que o sistema de pensións, tal e como está, é insostíbel, de aí que precise ser reformado. Algo que xa lle pedira Bruxelas, sinalando que o executivo tiña que seguir por un camiño de ir situando a idade de xubilación en consonancia co aumento da esperanza de vida. A patronal española leva meses reiterando que hai que meter a tesoira neste colectivo social, os e as pensionistas.

Galiza, especialmente danada

Galiza, con 700 euros, mantén as pensións máis baixas do estado, con 135 menos que a media, segundo datos do Instituto Nacional de la Seguridad Social. No noso país hai 736.000 pensionistas.

 En non poucos fogares galegos, o impacto da crise foi tal que a única vía de ingresos que queda é a paga dos vellos. Ese ingreso medio na Galiza de 700 euros cos cales ten que sobrevivir toda unha familia. Os datos do Instituto Galego de Estatística indicaba que en 2010, no 40% dos fogares da Galiza a principal vía de ingresos procedía dunha prestación. E nesta categoría, a dos pensionistas é das principais.

Comentarios