O goberno español mudará o cálculo do IPC para que lle saian as contas

O goberno español estuda unha outra fórmula para compensar as pensións onde non contabilizaría a suba do IVE ou da enerxía.
O diñeiro negro vai en aumento no Estado

Compensar ou non as pensións. Esa é a dúbida que asolaga o goberno de Mariano Rajoy após presentar o pasado mes de setembro os Orzamentos Xerais do Estado para 2013. Malia que o ministro de Facenda aseguraba que o investimento sería maior, o certo é que a realidade económica non acompaña os intereses gobernamentais. Neste sentido, o executivo español estaría a meditar unha outra posibilidade contábel que lle permitise compensar as pensións –aínda que de maneira irreal-- e ao tempo aforrar 4 millóns de euros que se destinarían ao pagamento do déficit.

O truco do goberno

O Índice de Prezos do Consumo (IPC) é o indicador tradicionalmente empregado para determinar a evolución dos prezos para os bens e servizos de consumo adquiridos, permitíndonos analizar nun período de tempo determinado, a tendencia á alta ou á baixa dos custos aos que fan fronte os fogares. Así pois, este índice contempla o aumento dos impostos indirectos como o IVE .

Porén, o INE introducía no seu informe mensual o cálculo dun outro indicador que, suprimindo o incremento da presión fiscal, calculase o suposto aumento dos custos de vida mais dun xeito que favoreza máis os intereses do executivo: o IPC a Impostos Constantes (IPC-IC). Esta nova fórmula elimina a suba do IVE, do custo enerxético ou o prezo que as persoas pensionistas pagan após a introdución do re-pagamento na compra de medicamentos. Se o IPC tradicional reflicte un aumento de 7 décimas no prezo dos bens e servizos entre os agosto e setembro (3,4%), o novo indicador sitúa o incremento nun 1,4% empregando un cálculo irreal.

@s pensinistas galeg@s perderán 150 millóns de euros co novo cálculo

Malia que nun comezo o ministro de Economía, Luis de Guindos, asegurase que este novo indicador non sería o empregado para calcular a compensación nas pensións, o secretario de Estado de Economía, Fernando Jiménez Latorre, afirmaba hai poucos días que o goberno liderado por Mariano Rajoy, estaría a o contemplar como unha posibilidade que, asemade, exixiría unha modificación da lei.

Pensións aínda máis empobrecidas

Se finalmente o executivo español decide introducir este engano no cálculo do IPC, a compensación das pensións non sería tal –malia que o goberno o presentase dese xeito.

Na Galiza, cuxas pensións son as máis baixas do Estado español, o truco do goberno traduciríase en 150 millóns de euros menos para @s pensionistas que malia non o recoñecer o goberno español, si terán que facer fronte á suba do IVE e do prezo da luz, o gas e os medicamentos.

Comentarios