O goberno español gastou o 90% das reservas da Seguridade Social en débeda

O executivo liderado por Mariano Rajoy empregou case na súa totalidade os fondos de reserva na compra de obrigas e débeda propia. A manobra pon en risco o sistema de pensións español.

A prensa internacional fíxose eco da nova hai uns días e apunta cara ao gasto de 65.000 millóns de euros procedentes do Fondo de reserva da Seguridade Social o diñeiro investido polo goberno español na compra de débeda propia. Neste senso, a manobra desenvolvida desde Madrid poría en risco o pagamento das pensións futuras e situaría o fondo de reserva nunha situación límite. 

O goberno español asegura a sostibilidade da operación nunha recuperación económica que se tería que producir en 2013

A decisión adoptada polo executivo liderado por Mariano Rajoy podería supor mesmo unha vulneración do seu ordenamento xurídico, no cal se estabelece que os devanditos fondos só poderían ser investidos en elementos "de alta calidade crediticia e alto nivel de liquidez", trazos que non posúe na actualidade a débeda española. Na súa defensa, desde Madrid xustifican a decisión adoptada nunha suposta recuperación económica que, segundo fontes do goberno, se iniciaría este mesmo ano.

O gasto do 90% dos fondos de reserva súmase ao défice contraído polo Sistema de Seguridade Social español situado en 3.000 millóns de euros. Malia que o executivo asegura que o futuro das pensións "está asegurado" os altos índices de desemprego, o envellecemento da poboación e a recesión económica pola que transcorre o Estado erguen as dúbidas ao respecto e mesmo apuntan cara a un cada vez máis probábel futuro sen prestacións sociais.

Comentarios