O Goberno español abre a porta ao despedimento colectivo de empregad@s públic@s

O Consello de ministr@s deu esta sexta luz verde ao real decreto que desenvolve a reforma laboral e que deixa @s traballador@s da Administración pública e das empresas que dela dependen nas mesmas condicións de inseguridade que rexen o sector privado. Aquí a autoridade laboral de cada territorio xa non poderá tampouco frear un ERE, pois a súa función fica limitada á vixilancia durante o proceso negociador entre empresa e afectad@s
Soraya Sáenz e Fátima Báñez
photo_camera Soraya Sáenz e Fátima Báñez

Cinco días despois das eleccións galegas, o Consello de ministr@s vén de aprobar o real decreto que regula "os procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos e redución de xornaida", unha norma que desenvolve a reforma laboral aprobada hai uns meses polo Executivo español e que lle outorga rango de lei aos despedimentos colectivos entre o persoal laboral da administración pública e das empresas que dela dependen.

Así as cousas, no caso da Galiza será a dirección xeral da Función pública a que terá que emitir un informe que xustifique o expediente de regulación de emprego en caso de que a Xunta queira aplicalo nalgún dos seus departamentos.

Segundo explican desde o Goberno español, interviría tamén "a autoridade laboral" --consellaría de Traballo e inspección de traballo, dependentes do Ministerio--, se ben non se explica que papel xogaría á hora de aprobar os despedimentos, que terán o aval de Madrid "en caso de insuficiencia persistente para o financiamento dos servizos", segundo recolle o texto do real decreto. A Xunta de Galiza poderá aplicar un ERE se é quen de xustificar unha caída de como mínimo o 10% no orzamento que inxecta o estado.

Nas empresas que dependen da Administración autonómica os criterios a aplicar serán "os mesmos" que rexen para os despedimentos colectivos no sector privado. Recóllese neste real decreto a aplicación de EREs sen o requerimento dunha autorización previa por parte da Xunta. Así, a consellaría e Inspección de traballo xa non teñen nas súas mans a posibilidade de botar para atrás o expediente de regulación, e as súas funcións fican reducidas á "vixilancia" durante o tempo que dure a negociación entre a empresa e o persoal afectado.

Comentarios