O G7 pacta un imposto ás multinacionais do 15% para evitar unha guerra de fiscalidade a baixa

O G7 acorda unha proposta para presentar ao G20 e tentar evitar que as empresas tributen só aló onde menos tributos teñan que pagar. As empresas tecnolóxicas multinacionais serán as principais afectadas.
Participantes na xuntanza de ministerios de Finanzas do G7 (Foto: Henry Nicholls / PA Wire / Dpa)
photo_camera Participantes na xuntanza de ministerios de Finanzas do G7 (Foto: Henry Nicholls / PA Wire / Dpa)
Canadá, os Estados Unidos, o Xapón, Francia, Alemaña, Italia e o Reino Unido, integrantes do coñecido como G7, chegaron este sábado a un acordo que cualificaron de histórico, para estabelecer nestes estados un novo sistema fiscal coa instauración dun tributo mínimo universal do 15% para as grandes empresas

Na xuntanza participaron as persoas titulares dos ministerios de Finanzas, que buscan estender o pacto ao resto dos países da órbita capitalista como os integrantes da Unión Europea.

“É un acordo histórico para a reforma do sistema fiscal global para que se axuste a era dixital global”, salientou o ministro de Finanzas británico, Rishi Sunak, despois da reunión.

Esta modificación dáse segundo analistas, coa intención de que os países auto considerados “ricos” eviten coa crise socioeconómica producida pola pandemia unha carreira a baixa nas súas políticas fiscais.

Co cambio, as empresas terían que tributar onde venden os produtos e servizos e non onde prefiran declarar os seus beneficios, afectando a empresas globais como Amazon, Google ou Facebook, expertas en buscar xurisdicións como Irlanda, onde poden evitar o pago da maioría dos tributos.

O acordo “é para garantir que as empresas axeitadas paguen os impostos axeitados nos lugares axeitados”, resumiu o ministro de Finanzas do Reino Unido.

Despois de facerse público, tanto a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, como o comisario de Economía da UE, Paolo Gentiloni, ou o presidente do Estado, Pedro Sánchez, apoiaron o pacto do G7, que aínda terá que ser negociado no G20.

Dende a perspectiva técnica, o texto sinala que estes termos serán de aplicación a empresas multinacionais con máis dun 10% de marxe de beneficios. A partir de aquí, o 20% de calquera beneficio será considerado como xerado no estado de orixe da actividade.

Comentarios