O FROB prevé gastar até 2 millóns de euros na venda de Novagaliciabanco

O organismo estatal contratará dous bancos de inversión -que cobrarán entre 700.000 euros e un millón cada un- para facilitar a venda de Novagalicia Banco, pechando así a porta a crear dende a entidade nacionalizada unha banca pública

Antes de final de ano, probabelmente en setembro ou outubro, Galiza ficará definitivamente sen ningún músculo financeiro propio. O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) decidiu acelerar o proceso de venda de Novagalicia Banco (NCG), obxectivo para o que vai contratar senllos bancos de investimento para que realicen unha análise das dúas entidades que mantén en proceso de resolución.

Estas empresas cobrarán 700.000 euros cada unha, polo que ademais de perder o pouco que quedaba dunha banca propia galega, case un millón e medio de cartos públicos perderase na operación, que mesmo pode saír máis cara, xa que no caso de que sexan os mesmos bancos os que tamén se encarguen do proceso de venda, percibirán 300.000 euros adicionais. 

A venta de NCG -para a que xa están postulados varios fondos de investimento estranxeiros e de natureza especulativa- pecha así a porta a utilizar a unión bancaria que saíu da ruína das vellas caixas por imposición gobernamental para a partir dela crear unha entidade pública galega, como reivindicaron varias organizacións, entre elas o BNG. 

A función dos dous bancos de investimento que facilitarán a operación aos fondos interesados será analizar os balances de NCG e identificar as continxencias que máis poden preocupar a un potencial comprador, así como cuantificar e propoñer fórmulas para minimizar o seu impacto negativo no proceso de desinvestimento, ou sexa, poñerlles as cousas doadas, para o que mesmo é posíbel que intenten impoñer novas reducións de persoal. Outras das dúbidas que xorden é a posibilidade de que o gran patrimonio cultural galego que posúe NCG procedente das antigas caixas fique en mans destes fondos especulativos e posíbeis compradores.

Comentarios