Nen dique flotante nen blindaxe dos floteis

As dúas grandes promesas do PP nas eleccións autonómicas para o naval galego están a desmontarse: a SEPI vén de anunciar que non se poderá construír o dique flotante en Ferrol por consideralo Bruxelas 'competencia desleal'. E os pregoados e blindados acordos con Pemex para dous floteis están no ar. O naval, enganado, retoma as mobilizacións
O naval, de novo nas rúas
photo_camera O naval, de novo nas rúas

Eran bos tempos os da campaña electoral do 21-O. O candidato Feijóo prometía a babor e estribor manás para o naval galego, sector que levaba meses sufrindo a destrución de postos de traballo (por volta de 10.000 nos últimos anos entre Vigo e Ferrol). Dúas eran as grandes promesas de Núñez Feijóo para o naval: o dique flotante para Ferrol e a construción de dous buques para a multinacional mexicana Pemex. Pasado o fragor electoral, os compromisos vendidos como atados y bien atados polo aparello popular, do goberno autonómico e da prensa máis afín, vanse esvaíndo.

Esta segunda feira, a Sociedade Estatal de Participación Industrial (SEPI) vén de informar aos traballadores de Navantia que non construirá o dique flotante previsto no porto exterior da Coruña (Punta Langosteira). Por ser, disque, considerado 'competencia desleal' por Bruxelas. Nos sindicatos cunde a indignación. Desde a CIG, Manuel Grandal, considera que este anuncio mostra que a creación dunha comisión de seguimento sobre o dique "foi para darnos largas en periodo electoral", e critica que Estado e Xunta procuren botar as culpas a Bruxelas: "Eles tamén teñen responsabilidades". "Se nun primeiro momento, a SEPI e Navantia puxeron como escusa a falta cartos, agora a escusa é Europa", indican desde a central nacionalista

A creación dunha comisión de seguimento sobre o dique "foi para darnos largas en periodo electoral"

De feito, operarios do plantel dos estaleiros concentráronse diante do edificio onde tivo lugar a xuntanza da comisión, impedindo sair aos representantes da SEPI, da consellería de Industria e alcaldes da comarca coma o de Ferrol. Pola volta de 400 traballadores continúan a primeira hora da noitiña nesta concentración. "A idea é manternos aquí até a noite", sinalan

O corrido de Pemex

Mais o dique flotante non é a única labazada ao naval galego. Hai uns meses, Feijóo xuraba e perxuraba que os contratos con Pemex para construír dous floteis en estaleiros galegos estaban "blindados". Mais non é tal. E sábese polo propio ministro de Exteriores español, García Margallo, que vén de afirmar que desbloqueou con México a vía para que se poidesen acabar facendo eses buques. Estaleiros e sindicatos pregúntanse a qué veñen esas declaracións, se Feijóo levaba meses prometendo que era cousa feita.

E hai máis. Ese desbloqueo só significa que a proposta dos estaleiros galegos entrarán no debate (con outras de empresas de diferentes países) para facer eses floteis. A multinacional aínda ten que escoller a cal llo encarga.

E volven as mobilizacións

Fartos dos incumprimentos do PP, o naval retomou a semana pasada as mobilizacións.  Por volta de 3.000 traballadores dos estaleiros de Ferrol volveron saír á rúa para exixir carga de traballo e denunciar os incumprimentos do PP con este sector, tanto no que atinxe o dique flotante como na construción dos floteis de Pemex.

Esa vaga de mobilizacións segue esta terza feira, con concentracións de delegados do naval fronte ao Parlamento. E o vindeiro 13 de febreiro haberá manifestación na capital da Galiza. E xa para final de mes, mobilización a nivel comarcal en Ferrolterra.

Comentarios