A EMPRESA TÉXTIL DESLOCALIZA A SÚA PRODUCIÓN

O ERE en Mafecco deixaría na rúa a máis da metade das traballadoras

Os voceir@s nacionalistas nos concellos da Coruña e Arteixo, Xosé Manuel Carril e Silvia Seixas, e a secretaria nacional da CIG-Téxtil, Dores Martínez Castelo, reuníronse esta mañá coa presidenta de Mafecco, Luísa Sánchez, e outras membros do Comité de Empresa, para falaren da situación das empregadas.

Sobre as traballadoras desta fábrica téxtil do polígono de Sabón pende a ameaza dun expediente de extinción de emprego, que afectaría a máis da metade do cadro de persoal: este xoves, tres días antes de comezaren as vacacións, a dirección da empresa notificoulles a súa intención de despedir 42 traballadoras das 78 da fábrica. Trátase de empregadas cualificadas e por veces cunha experiencia de máis de 35 anos. "Queremos que nos rescaten, como fan coa banca", dicían ao termo da reunión.

Procesos de deslocalización incentivados dende a Xunta

Carril denunciou que sexan despedidas malia haber carga de traballo: non existen problemas de stock na empresa, ao traballar baixo pedido, en función da demanda. Sinalou que tampouco existe unha situación de perda económica que poña en perigo a viabilidade de Mafecco. "Porén, a empresa pode despedilas porque a reforma laboral do PP así llo permite", salientou. Mafecco alude á falta de liquidez, pero para Carril, baixa esta decisión agóchase deslocalización, a busca de man de obra máis barata.

A este respecto, criticou que a Xunta incentive estes procesos, con axudas á internacionalización. "Trátase dunha combinación perfecta que ataca a muller: transnacionalización da produción, reforma laboral e axudas á internacionalización". Outro exemplo: a empresa téxtil Caramelo, aos seis meses de se facer efectivo o ERE, recibía unha axuda por parte da Xunta por valor de 5 millóns de euros para externalizar a produción.

O BNG presentará sendas mocións para o vindeiro Pleno ordinario de xullo para defender as traballadoras de Mafecco e anunciou o seu apoio á concentración que o cadro de persoal da empresa convoca este xoves ás 11 fronte á delegación da Xunta, en Monelos. A Xunta aínda non respondeu á solicitude de reunión urxente do Comité de Empresa de Mafecco.

Atraso nos pagamentos

Pola súa banda, a presidenta do Comité expuxo que non existen razóns reais nin obxectivas para despedir traballadoras en Mafecco, tal e como aconteceu no ano 2006, cando a empresa, daquela con 151 traballadoras, quixo presentar un ERE que os tribunais rexeitaron. Lembrou que as traballadoras só cobraron 300 euros do salario de maio e advertiu de que dentro de quince días vence a nómina de xuño, os atrasos do convenio colectivo e o período de pagamento da extra.

A este respecto, Dores Martínez Castelo, responsábel de CIG Téxtil, denunciou a ambigüidade da empresa cando se lle preguntou se contactara con entidades bancarias para solicitar unha liña de crédito que permitise satisfacer estes atrasos. Advertiu “dunha nova desfeita laboral nun sector, o do téxtil, xa de por si deprimente", e denunciou que a Xunta aínda non respondeu á solicitude de reunión urxente que o Comité de Empresa requiriu á conselleira coruñesa responsábel da Consellaría de Traballo e ao conselleiro de Industria.

Comentarios