O ERE de Iberia afecta un de cada catro traballadores da compañía na Galiza

O ERE de Iberia afecta por volta de 75 d@s máis de 300 empregad@s que ten a compañía na Galiza. Mais os despedimentos non atinxirán por igual os tres aeroportos galegos
Iberia
photo_camera Avión de Iberia en Alvedro

O expediente de regulación de emprego posto en marcha por Iberia atinxirá no conxunto do Estado español 3.807 traballadores, o 19% do plantel da compañía. Na Galiza, e segundo os comités de empresa, o ERE resultará nuns 75 despedimentos nun cadro de persoal que ronda as 300 persoas. Isto supón un 24% de afectados e afectadas polo expediente. Iso si, os tres aeroportos galegos non sofrerán coa mesma intensidade.

Así, a compañía prevé o despedimento de 11 dos 60 empregados que ten no aeroporto coruñés de Alvedro, o que supón un 18% do cadro de persoal. No que atinxe ao aeroporto de lavacolla (Compostela), fálase de 39 afectados e afectadas polo ERE dun plantel de 170. Iso implica que o 23 por cento dos traballadores e traballadoras de Iberia no aeroporto da capital de Galiza se verían envolvidos no expediente de regulación de emprego.

A respeito de Peinador (Vigo), os datos que se ofrecen é que habería por volta de 25 despedimentos nun cadro de persoal que se aproxima das 75 persoas. Así pois, perto dun terzo do plantel de Iberia neste aeroporto iría para a rúa de saíren adiante os plans da compañía.

Na Galiza, e ao longo desta semana, por volta duns 80 voos con orixe ou destino nalgún dos tres aeroportos galegos serán cancelados pola folga

Rexeitamento

Iberia comezou falando, a finais de 2012, de levar a cabo no proceso de 'reestruturación' por volta duns 4.200 despedimentos. Unha cifra que rebaixou agora a 3.807, o que supón o 19% do plantel da compañía.

As intencións de Iberia son as de comezar os despdimentos a meados do vindeiro mes de marzo. Os e as despedidas recibirán unha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensalidades (o que se dispón após a reforma laboral).

Para os sindicatos, estariamos ante o que cualifican dun "plan de desmantelamento da compañía"

Para os sindicatos, estariamos ante o que cualifican dun "plan de desmantelamento da compañía", pois Iberia non está a falar só de despedimentos, mais tamén de recortes salariais (até dun 30%), alén dun redeseño mesmo das rotas aéreas (cun corte do 15% este ano). Para as centrais, Iberia era rentábel até a fusión con British Airways, dando lugar ao holding IAG. Falan de que a compañía británica tiña un buraco de máis de 5.000 millóns de euros no momento da unión.

A resposta ao ERE de Iberia xa se materializou esta segunda feira, co inicio dunha greve que afectará máis de 1.200 voos en todo o Estado. Na Galiza, e ao longo desta semana, por volta duns 80 voos con orixe ou destino nalgún dos tres aeroportos galegos serán cancelados pola folga.

Comentarios